Convocatoria aberta de procura de proxectos para o nº 36 de Obradoiro_ Prospectiva II: URBANIDADES

23 Mar 2026

Urbanidades constitúe o segundo volume da serie Prospectivas, o proxecto editorial co que a revista Obradoiro recupera a súa actividade cunha mirada orientada ao futuro do territorio galego.

Tras o primeiro número adicado ás Paisaxes, centrado nas transformacións xeográficas, ecolóxicas e produtivas que están a redefinir a relación entre sociedade e territorio en Galicia, este segundo volume traslada a atención ás formas contemporáneas de urbanización e aos modos nos que habitamos, producimos, nos desprazamos e organizamos a vida colectiva.

Urbanidades analiza Galicia como un territorio urbanizado e interroga as estruturas de asentamento que organizan esa xeografía, de vilas a sistemas metropolitanos e os espazos intermedios onde o urbano e o rural se mesturan, se superpoñen ou entran en tensión.

Urbanidades identifica os retos aos que se enfrenta Galicia para articular un sistema urbano robusto no conxunto de Europa, e os valores únicos que este sistema achega a outros contextos. O conxunto dos traballos presentados ofrece un novo retrato urbano de Galicia.

O obxectivo desta Open Call é seleccionar obras de arquitectura, urbanismo, e planeamento para a súa inclusión no próximo número de Obradoiro. Para iso, os traballos serán avaliados en función da súa relevancia e coherencia coa temática do número 36; Urbanidades. As obras seleccionadas formarán parte dun ou máis formatos nos que se articula a revista, que poden abranguer dende a súa edición impresa ata as súas plataformas dixitais.

Esta convocatoria está dirixida a obras construídas ou planeamento no territorio galego, sempre que fosen finalizadas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 1 de marzo de 2026.

Desde a vivenda colectiva ata os modelos colaborativos de barrio e planeamento. Operacións de pequena escala ata grandes infraestruturas urbanas e equipamentos. Non pretenden ilustrar tendencias, senón mostrar como se están a ensaiar novos modos de habitar, convivir e construír cidade en contextos diversos. Entendidos como parte activa da investigación, os proxectos funcionan aquí como ferramentas para pensar o territorio e anticipar posibles futuros para as urbanidades galegas.

Os traballos deberán ser presentados polos seus autores, seguindo as indicacións detalladas no apartado 5. Material a presentar do folleto que figura ao pé. Só se admitirán aquelas propostas que se presenten dentro do prazo e no formato establecido. A data límite de envío de propostas remata o día 30 de abril de 2026. O envío da documentación realizarase a través do formulario habilitado neste ENLACE.

Máis información: OPEN_CALL_OBRADOIRO_36

Compartir