Licitación dos documentos técnicos e a tramitación urbanística e ambiental das seguintes fases do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC)

30 Dec 2020

A Xunta licitou hoxe por 7,6 millóns de euros os documentos técnicos e a tramitación urbanística e ambiental que permitirán iniciar as seguintes fase do novo hospital público da Coruña, Novo CHUAC, en 24 meses.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e o xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde, explicaron esta mañá o contrato para a posta en marcha das próximas fases do novo CHUAC, que suporá un investimento global da Xunta de máis de 431 millóns de euros.

Máis concretamente, o contrato licitado hoxe consiste na elaboración do proxecto urbanístico e ambiental, na redacción dos anteproxectos e dos proxectos básicos e de execución, do proxecto de construción de viario e accesos, dos proxectos de demolición e na dirección, control e vixilancia das obras nas súas distintas fases. As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o vindeiro 15 de marzo para presentar as súas ofertas. A previsión é poder adxudicar os traballos na primavera de 2021.

O obxectivo da Xunta é seguir mellorando a sanidade pública na área da Coruña, estar preparados para adaptarse aos cambios asistenciais e tecnolóxicos e atender as demandas dos profesionais, pacientes e colectivos. En palabras da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, trátase de “blindar” o futuro da sanidade pública na área da Coruña, desenvolvendo “unha infraestrutura hospitalaria de vangarda” que ofreza máis espazos e máis comodidade, mellora da accesibilidade e novos servizos.

O Novo CHUAC é a maior infraestrutura sanitaria que vai acometer a Xunta nesta lexislatura. Segundo destacou o conselleiro de Sanidade, co Novo CHUAC dobrarase a superficie construída, ata acadar os 225.000 metros cadrados de superficie. Isto supón o incremento do 108% de salas e postos de urxencias, o incremento do 50% de consultas e postos de observación de Urxencias e cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais.

Habilitaranse novas zonas de aparcadoiro á disposición dos traballadores e usuarios, 30.000 metros cadrados e 2.600 prazas, ordenadas e seguras, das cales se reservarán o 3% para persoas con discapacidade.

O proxecto inclúe a reordenación e execución das vías necesarias para dotar o complexo hospitalario público da Coruña dos accesos axeitados. Esta reordenación viaria terá, ademais, unha importante funcionalidade para a cidade, na medida en que dará servizo ao barrio de Eirís e á futura Cidade das TIC.

A licitación prevé que se deseñen os proxectos técnicos de tal forma que sexa posible poñer en funcionamento por fases diferentes unidades de obra, de xeito que se poida ir mellorando e ampliando servizos o antes posible.

Nos proxectos terase especialmente en conta a integración paisaxística, para que o Novo CHUAC sexa unha referencia arquitectónica na cidade, así como outros aspectos como a eficiencia enerxética, a depuración de augas para paliar a concentración de medicamentos, a accesibilidade, a funcionalidade da asistencia sanitaria e os materiais e subministro de proximidade ou de “quilómetro 0”.

Así, nunha primeira fase dos traballos, para a que se prevé un prazo de 24 meses, está previsto levar a cabo a tramitación ambiental e tamén a tramitación urbanística. Sobre esta última, o contrato prevé dúas alternativas, ben como proxecto de interese autonómico, ben por Lei 3/2016, como consecuencia da indefinición e das dúbidas do Concello.

Tamén se procederá á redacción dos proxectos de execución, levaranse a cabo as actuacións previas preparatorias, as obras de demolición comezando, previsiblemente, pola demolición do hotel de pacientes, e activaranse as fases intermedias.

Na seguinte fase, cun período estimado de 6 meses, realizarase o proceso de licitación das obras principais, finalizándose as obras de demolición e xa tamén dalgunha fase.

Na fase final executaranse e remataranse as últimas obras de edificación, tamén as últimas obras de urbanización e os últimos traballos do viario e dos accesos.

Cómpre lembrar, neste sentido, que a Fase 0, que suporá un investimento de máis de 13 millóns de euros, está xa en marcha, pendente do inicio das obras a que o Concello outorgue a licenza municipal correspondente. A Fase 0 suporá a ampliación das áreas dos servizos de urxencias, a creación de novos hospitais de día e tamén novos espazos destinados a farmacia.

Os documentos técnicos cuxa elaboración se licita hoxe concretarán o establecido no Plan funcional e de espazos do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, elaborado en diálogo co persoal sanitario e no que se estudaron alternativas distintas de situación, cos obxectivos de aumentar a superficie hospitalaria e incorporar novos e mellores servizos asistenciais.

A conselleira Ethel Vázquez destacou que o Novo CHUAC é un dos proxectos “máis importantes e prioritarios” que está a impulsar a Xunta no conxunto de Galicia e “o máis importante e prioritario que estamos a desenvolver na área da Coruña”.

Lembrou o “compromiso firme da Xunta” co novo hospital público da Coruña, como veu demostrando ao longo dos últimos meses, tamén coa proposta de acordo de colaboración remitido ao Concello da Coruña o pasado 5 de maio e que, sete meses despois, aínda non está pechado por parte da administración local.

Ethel Vázquez e Julio García Comesaña incidiron en que o Novo CHUAC é unha obra de calado e importancia para a cidade que non debe demorase máis. “Non admite nin máis demoras nin máis dúbidas”, por iso hoxe a Xunta dá un novo paso para a súa materialización, coa licitación dos documentos técnicos e das obras.

Fonte Sala de comunicación do SERGAS.

Enlace páxina de contratación.

 

 

Compartir