Como xa informamos en comunicacións anteriores, unha das nosas grandes preocupacións, como institución colexial, é a mellora da calidade das bases e condicións de acceso dos nosos colexiados/as aos distintos concursos públicos, máxime cando se desenvolven no noso territorio, como ven ser o caso. Entendemos, ademais, o valor, en termos de coñecemento, que aporta o conxunto do noso colectivo, que traballa día a día atendendo, de diversas formas, as distintas problemáticas vinculadas á arquitectura e ao urbanismo da cidade da Coruña e dos seus cidadáns.
Por estas razóns, e en cumprimento dos nosos deberes, dende a Delegación da Coruña do COAG, enviamos suxerencias ao documento inicial das “Bases estratégicas para el desarrollo del Proyecto Coruña Marítima”, con data 6 de abril de 2025, que, no referido a algunhas cuestións técnicas e ás condicións de participación no citado concurso rezaban o que segue:
- Un documento de bases para a realización dunha ordenación urbanística e de usos debe ser acompañado dun conxunto documental completo e suficiente, así como coordinarse con outras ferramentas de planificación que lle teñen que servir de referencia. Por esta razón, entendemos que non resulta axeitado lanzar un concurso desta relevancia sen que toda a documentación e ferramentas necesarias para desenvolver a proposta estean listas. Entre elas, sería preciso contar co Plan Estratéxico da Autoridade Portuaria, PEAP, ao que se refiere o artigo 53 do Título III. Régimen de planificación y construcción de interés general, capítulo I. Da Ley de Puertos del Estado de la Marina Mercante, por canto este documento ten por obxecto ofrecer un análise e diagnóstico da situación actual do Porto, definir as liñas e obxectivos estratéxicos, os criterios de actuación e o plan de acción; cuestións que deberían ser consideradas polos concursantes. Sen esquecer que este Plan Estratéxico 2024-2027 deberá estar ademais actualizado; lémbrese que este plan aínda acaba de ser adxudicado e que conta cun prazo de entrega de 40 meses. Así mesmo, un documento de bases debe ofrecer a documentación suficiente para comprender e caracterizar as necesidades e actividades esenciais do Porto e dos seus actores, ás que a futura ordenación debe atender, outra das eivas significativas do documento.
- Un documento de bases para a realización dunha ordenación urbanística e de usos deste alcance debe contemplar un prazo máis axeitado; unha maior claridade nos obxectivos; dende un punto de vista cualitativo e cuantitativo; unha clarificación das prioridades; e a eliminación das vaguedades, contradicións e obxectivos contrapostos, en materias tan importantes como a mobilidade, ou a sostibilidade tanto ambiental como do modelo de cidade, entre outras cuestións. Mención especial require a ausencia de cuantificación das superficies necesarias para o desenvolvemento das actividades do Porto, incluídas as súas zonas de reserva, pero tamén a ausencia de cuantificacións económicas, a pesar de que un dos requisitos das Bases do concurso semella estar centrado na xeración de beneficio económico para a Autoridade Portuaria.
- Un documento de bases para a realización da ordenación urbanística e de usos dun elemento tan importante do patrimonio socioeconómico da cidade, e da identidade da cidade, non pode obviar o coñecemento local. Por esta razón, na nosa comparecencia do 13 de decembro de 2024, na Comisión Especial da Fachada Marítima, solicitábamos que as bases, respecto do concurso, non incluísen criterios restritivos que colocasen aos arquitectos internacionais por riba dos locais. A nosa experiencia amósanos que isto acaba derivando, ademais, en que finalmente estes arquitectos internacionais, e/ou as grandes consultoras internacionais, subcontratan despois aos arquitectos locais, que son os que verdadeiramente coñecen as problemáticas, as normativas e as claves culturais coas que é preciso traballar. Unha situación indigna que pensamos que a administración debe evitar. En base a estes argumentos, resaltabamos entón a importancia de que as bases fosen equilibradas con respecto aos criterios de acceso para participar no concurso. No sentido contrario á nosa petición, este documento de bases limita a participación dos arquitectos locais, escollendo a fórmula de selección máis restritiva: o procedemento de adxudicación restrinxido, neste caso a cinco candidatos, que é o mínimo legal. Unha decisión que non só non se atopa xustificada, senón que resulta inxustificable para un concurso deste tipo que ten por obxecto, entre outros, a redacción de instrumentos de ordenación de usos e de planeamento. Ademais, a forma de selección dos cinco candidatos, a partir dunha valoración na que a primeira barreira consiste en avaliar a súa «solvencia económica e financeira, xustificada mediante o volume anual de negocios no campo obxecto do contrato», suporá, de facto, unha barreira dificilmente superable para os colexiados/as locais, favorecendo a outro tipo de actores, tal e como xa manifestamos na nosa comparecencia diante da Comisión Especial da Fachada Marítima. Unha decisión que non podemos compartir pois o obvio nunha actuación tan delicada sería que o coñecemento sobre o Porto da cidade, e sobre a cidade, fose considerado como un valor en si mesmo, e a ter en conta como tal de forma relevante e alternativa, dentro da fase de selección previa de candidaturas e como requisito obxectivo de solvencia, atendendo precisamente ao valor que posúe, e conforme ao previsto no art. 87.1. d) da Lei de Contratos do Sector Público. Sendo así, e en base ao anterior, esta institución solicita que se opte pola modalidade de concurso con procedemento aberto.
Sendo así, e en vista de que non foron atendidas ningunha das nosas aportacións, e do gran perxuízo que as condicións excluintes de participación provocan a todos os nosos colexiados/as –ao ser desproporcionadamente restrictivas, non obxectivas e inxustificadas–, a Xunta de Goberno do COAG refrendou a iniciativa de impugnar as bases do citado concurso https://contrataciondelestado.es/FileSystem/servlet/GetDocumentByIdServlet?DocumentIdParam=1hY0ry8mEqJdVs/RjpC9kI2qbmIoWj/H3DHyDW30BLd6KHGRWtQ42PdiC9U4DApbpPTkaNaxo9E1UxUVhBtAb760QtLULxWk3kZbnKjLbVnfdyQgZAdTm3EfcUAC7CJ6&cifrado=QUC1GjXXSiLkydRHJBmbpw%3D%3D.
Ao mesmo tempo tivemos coñecemento de que un grupo de colexiados/as estaba organizándose para impugnar individualmente as bases do citado concurso. Este grupo, que ten un modelo preparado para a impugnación, pediunos apoio para avisar ao resto de colexiados/as interesados, polo que, se calquera de vós quixera sumarse a esta iniciativa, só tería que escribir ao correo de <presidenta.coruna@coag.es>, dende onde se colaborará coa coordinación.
O prazo de impugnación a estas bases, en forma de Recurso especial en materia de contratación, fronte ao Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales (TACRC), remata o mércores 18 de xuño polo que advertimos especialmente desta circunstancia. Informar tamén de que o documento preséntase na correspondente sede electrónica do TACRC ou da Autoridade Portuaria e o procedemento non ten custo algún.
E finalmente, como membros da Xunta Directiva da Delegación da Coruña, queremos manifestarte todo o noso aprecio e consideración, e animarte a participar de forma activa na vida colexial, e a trasladar as túas preocupacións e/ou suxerencias, sobre este ou outros asuntos de importancia para a profesión.
Ruth Varela e Emilio Rodríguez Blanco,
Presidenta e Secretario da Xunta Directiva da Delegación de A Coruña do COAG.
presidenta.coruna@coag.es
secretario.coruna@coag.es