Concurso de proxectos para adxudicar os contratos de servizos para a construción de vivendas VPP en Santiago de Compostela e A Coruña.

21 Xan 2026

Publicada na Plataforma de Contratación de Contratos Públicos de Galicia a convocatoria do Concurso de proxectos para adxudicar por lotes os seguintes contratos de servizos de:

  • Deseño da ordenación dunha parcela de equipamento no PERI-11 de Salgueiriños, Santiago de Compostela, redacción dos proxectos básicos e de execución e dirección de obra dos edificios destinados a Vivendas de Promoción Pública e redacción do anteproxecto dunha Residencia Xuvenil a construír no dito ámbito.
  • Redacción do Proxecto de Interese Autonómico e do Proxecto de Urbanización do Ámbito correspondente ao API-037 do PXOM da Coruña, redacción dos proxectos básicos e de execución dos edificios destinados a vivendas e aloxamentos protexidos de promoción pública e dirección das obras correspondentes e redacción do anteproxecto dunha Residencia Xuvenil a construír nese ámbito.

Expediente: Lotes 2025_050_CP

OBXECTO DO CONCURSO

A Xunta de Galicia, a través do IGVS pretende construír edificios destinados a vivendas e aloxamentos de promoción pública en terreos situados no barrio de Salgueiriños, en Santiago de Compostela, e na zona contigua ao Campus de Elviña, na cidade da Coruña. A actuación completaríase coa construción en cada un dos ámbitos dunha residencia xuvenil a promover pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Ambas actuacións requiren, en maior ou menor medida a tramitación do documento urbanístico que contemple a ordenación do ámbito adaptada ao desenvolvemento das edificacións que se pretenden construír. O IGVS considera necesario que o deseño da ordenación urbanística do ámbito se estableza en coordinación e con vinculación ao deseño final das edificacións a construír, polo que o mesmo equipo que vai desenvolver os proxectos das edificacións asumirá tamén a tarefa de redactar os documentos que establezan a nova ordenación urbanística do conxunto. Con este obxectivo convócase o presente concurso de arquitectura que permitirá seleccionar a mellor proposta arquitectónica e urbanística co fin de adxudicar, posteriormente, os contratos de redacción dos instrumentos de planeamento, dos proxectos das edificacións e a dirección das obras correspondentes.

O concurso desenvolverase en dúas fases.
 Unha primeira fase na que os licitadores deberán formular unha proposta na que se recollan as ideas e estratexias fundamentais que definan a súa proposta. Entre todos os participantes o xurado seleccionará as cinco propostas que se consideren mais acertadas.
 Na segunda fase do concurso, os cinco finalistas deberán desenvolver de forma mais detallada a súa proposta de xeito que o xurado, co obxecto de seleccionar a mellor solución, poda avaliar con detalle os valores arquitectónicos, funcionais, construtivos, de sostibilidade e económicos da proposta.

PREMIOS
Gañador/a do concurso: O gañador/a de cada lote, será o/a licitador/a cuxa proposta obtivera a máxima puntuación e será o adxudicatario dos contratos que desenvolverán a actuación.

O/a gañador/a terá dereito a:

  • Percibir o importe en metálico indicado nas bases administrativas que rexen o presente concurso como anticipo dos honorarios correspondentes aos traballos obxecto dos contratos.
  • Resultar adxudicatario do contrato ou contratos obxecto do concurso mediante o procedemento negociado sen publicidade.

Finalistas do concurso: Os catro finalistas do concurso en cada lote recibirán un premio en metálico do importe indicado nas base administrativas deste concurso. Para percibir o dito importe, será requisito indispensable que presentarán a proposta desenvolvida esixida na segunda fase do concurso.

PARTICIPANTES
No concurso, poderán participar os/as arquitectos/as con titulación habilítante para redactar os proxectos das edificacións obxecto do concurso e dirixir as obras correspondentes.

Unha vez resolto o concurso e para poder asinar os contratos aos que se refire o punto 1 destas bases, o gañador do concurso deberá acreditar o nivel de solvencia técnica esixido no Prego de Condicións Administrativas Particulares (PCAP) para cada contrato.
Así mesmo, durante a fase de tramitación do procedemento negociado sen publicidade, para a sinatura dos contratos, será preciso acreditar tamén a solvencia económica do adxudicatario de acordo co establecido no PCAP.

Orzamento base de licitación: 4.182.131,50 con IVE
Nº lotes: 2
Valor estimado: 3.456.307,02 sen IVE
Datos da presentación de ofertas
Presentación no rexistro da entidade
Lugar:
Oficina de rexistro único e información do IGVS, Servizos centrais, Area Central (horario de atención de 9 a 14h) 15781 Santiago de Compostela, dirixidas á Dirección Técnica de Edificación e Calidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo
Data e hora:
23/03/2026 14:00
Horario do rexistro:
Mañá: 09:00  a  14:00 Tarde: (Luns a Venres)
Presentación por correo certificado
Data e hora:
23/03/2026 23:59 (para a remisión do anuncio da imposición en correos)
Nº de fax:
981541600 (para a remisión do anuncio da imposición en correos)
O anuncio de remisión de envío por correo certificado e da xustificación da data de imposición do envío na oficina de correos deberá ser enviado por fax, telefax ou telegrama no mesmo día.

ENLACE Á PLATAFORMA DE CONTRATACIÓN

Compartir