O concurso de proxectos que se convoca ten por obxecto seleccionar a mellor proposta para a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución, da dirección de obra e da redacción da documentación precisa para a adaptación do planeamento urbanístico para a construción do centro de Ciencias da Saúde da USC no campus de Santiago de Compostela.
Antecedentes
A área de Ciencias da Saúde é un dos ámbitos académicos máis importantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A esta rama de coñecemento corresponden diversas titulacións de grao e máster nas que se matricularon máis de 5.400 persoas no campus de Santiago de Compostela para o curso académico 2021/2022. En decembro de 2020 a USC anunciou a iniciativa Cidade da Saúde, que concreta as actuacións previstas no Plan de Infraestruturas para o ámbito das Ciencias da Saúde. Entre esas actuacións atópanse identificadas as deficiencias que presentan os inmobles que albergan as Facultades de Enfermaría e Farmacia.
Este concurso conta coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, segundo acordo en contrato menor de asesoramento asinado o 28 de setembro de 2021.
Obxecto do contrato
O obxecto do contrato, resultado do concurso de proxectos, é a redacción do proxecto básico, proxecto de execución e a dirección de obra para o novo centro de Ciencias da Saúde, segundo as características e indicacións incluídas nos pregos. Así mesmo, é obxecto do contrato a redacción da documentación do estudo de detalle ou documento equivalente requirido polo Concello de Santiago de Compostela para adaptar a ordenación da parcela ás necesidades da solución gañadora e ás determinacións derivadas do Plan Especial que estea en vigor no momento de solicitude da licenza.
Procedemento de licitación
Co fin de garantir un procedemento que favoreza unha participación numerosa dos profesionais do ámbito da arquitectura, do urbanismo e da enxeñaría, así como a selección do proxecto máis acaído para o edificio que acolla este novo centro, a USC decidiu convocar un concurso de proxectos de arquitectura, no marco dun procedemento de adxudicación dun contrato de servizos, do tipo previsto no artigo 183.2 a) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (LCSP), pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 (de aquí en diante, LCSP).
Localización
Os edificios construiranse na parcela ZEU-25 do Plan Especial PE-8 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Santiago de Compostela. A USC xa licitou os traballos de urbanización das rúas que circundan a parcela e está previsto que se rematen antes do 15 de novembro de 2021.
Criterios de solvencia
De conformidade co disposto no artigo 77.1 b) da LCSP, neste procedemento non resulta esixible a clasificación por ser un contrato de servizos.
Respecto a solvencia económica e financeira:
A solvencia económica e financeira para o procedemento do concurso de proxectos acreditarase polo medio previsto no artigo 87.1 b) da LCSP, e entenderase cumprido polo concursante que inclúa na súa oferta un compromiso vinculante asinado polo candidato ou representante da empresa, en caso de tratarse de persoa xurídica, da subscrición, en caso de resultar adxudicatario, dun seguro de indemnización por riscos profesionais por importe de un millón de euros (1.000.000,00€), con vixencia durante toda a execución do citado contrato, comprometéndose ademais a facelo efectivo dentro do prazo de dez días hábiles a que se refire o artigo 150.2 da LCSP..
Nas unións temporais de empresas cada un dos que as compoñen deberá acreditar a súa capacidade e solvencia e, aos efectos da determinación da solvencia da UTE, acumularanse as características acreditadas para cada un dos seus integrantes
Coa finalidade de simplificar o procedemento, en todo caso, conforme ao previsto no artigo 140.1 da LCSP para a acreditación dos requisitos de aptitude e capacidade, solvencia económica e técnica profesional e demais requisitos legais para poder contratar coa Administración Pública, será suficiente, na fase do concurso de proxectos, a presentación dunha declaración responsable por parte do concursante.
A tal fin, os participantes deberán achegar, debidamente cumprimentada, datada e asinada, a declaración responsable e o Documento Europeo Único de Contratación (DEUC) (arts. 140 e 141 Lei 9/2017) conforme ao indicado no apartado Documentación que deben presentar os concursantes (Anexos 3 e 4 do prego administrativo).
No que se refire á solvencia técnica ou profesional, os concursantes deberán acreditar a súa solvencia técnica conforme ao especificado no artigo 90 da LCSP. O candidato deberá xustificar que está en posesión do título de arquitecto superior ou titulación equivalente, segundo os países, en caso de tratarse dunha persoa xurídica. A titulación esixida, poderase acreditar acompañando copia compulsada do título académico ou certificación do colexio profesional correspondente que acredite tal circunstancia.
Valor estimado do contrato
O valor estimado do presente concurso de proxectos, conforme ao previsto nos artigos 101 e 183.4 LCSP –IVE excluído– ascende a 1.736.049,37 €, que é o resultado da suma dos pagos aos participantes en concepto de premios (60.000,00 €) e o importe estimado do contrato de redacción de proxecto, dirección de obra e estudo de detalle (1.676.049,37 €, no que se exclúe aos efectos do cálculo do valor estimado do concurso o importe do primeiro premio que en caso de adxudicarse o contrato terá o carácter de entrega a conta) que se adxudicará ao gañador (1º premio).
O sistema de determinación do valor estimado utilizado ten como escalas de prezos orientativas e acorde a valores de mercados actuais no período de licitación e proxectos de natureza similar.
Conforme ao previsto no artigo 183.4 e no artigo 22 LCSP, este concurso de proxectos está suxeito a regulación harmonizada.
Criterios de valoración
Neste concurso de ideas con intervención de xurado, os criterios de adxudicación derivan unicamente da calidade técnica das propostas presentadas de forma anónima. Isto é dos valores, técnicos, funcionais, arquitectónicos, culturais e medio ambientais conforme ao establecido no artigo 184.3 da LCSP.
Premios do concurso
No concurso de proxectos seleccionarase a proposta gañadora, que recibirá o primeiro premio. Concederanse, así mesmo, un segundo e un terceiro premio, e dous accésits con dotación económica nos termos previstos nestas bases. O valor total dos premios e accésits será de 60.000,00 € segundo a seguinte distribución:
Premio | Importe |
1º premio | 30.000,00 € |
2º premio | 15.000,00 € |
3º premio | 7.500,00 € |
1º accésit | 4.000,00 € |
2º accésit | 3.500,00 € |
Os premios estarán suxeitos, no seu caso, á retención correspondente.
Presentación de propostas
O prazo para a presentación das propostas será de TRES MESES, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio de licitación do contrato no perfil de contratante da USC, e a data de remate do prazo de presentación de propostas figurará no perfil do contratante da USC.
A presentación das propostas implica a aceptación incondicional por parte do concursante das cláusulas destas bases e dos documentos que as acompañan. A presentación poderá facerse segundo estas posibilidades: no rexistro e mediante envío por correo postal.
O prazo de presentación rematará o 11/2/2022.
Con data do 9 de febreiro de 2022 publicouse unha corrección de erros do documento denominado RESPOSTA A CONSULTAS A 2/2/2022 publicado no perfil de contratante da USC o día 3/2/2022 e na páxina web do COAG.
A citada corrección de erros refírese ás respostas ás consultas nº 27 e 31 e o reitorado da Universidade resolveu prorrogar o prazo de presentación de ofertas ata as 14:00 horas do día 18 de febreiro de 2022.
Pode consultarse o documento da resolución do Reitorado así como o documento coa corrección de erros, no perfil do contratante, dentro do apartado “Documentos”, subapartado “Outros arquivos asociados o procedemento” a través do seguinte enlace:
03 de marzo
Publicada no perfil do contratante a acta da Comisión Administrativa.