Comunican do Concello de Bande que, segundo se establece no “punto 9. Fallo do concurso”, das bases administrativas e técnicas que rexen a convocatoria do concurso de proxectos, faise público que a data fixada para a apertura do sobre 1, para coñecer a identidade dos autores das propostas premiadas, celebrarase en acto público no salón de actos da casa do Concello de Bande, sita na rúa San Roque, nº2 (Bande) o día 22 de decembro de 2022 ás 9:30h.
O Concello de Bande, en colaboración mediante convenio co Colexio de Arquitectos de Galicia e co apoio económico da Deputación de Ourense, tiña convocado un concurso de proxectos, a nivel de anteproxecto, coa finalidade de acadar a mellor proposta arquitectónica para a construción dun centro termal de nova planta e a posta en valor e aproveitamento da zona das augas mineromedicinais e termais dos Baños.
O xurado, designado ao efecto, mantivo varias reunións nas que efectuou unha revisión pormenorizada de todas as propostas presentadas, un total de 65. Propostas de gran calidade o que dificultou a súa labor.
Segundo se establecía nas bases que rexeron a convocatoria do concurso de proxectos, mañá, 22 de decembro de 2022, ás 9:30h. no salón de actos da casa do Concello de Bande, en acto público, procederase á apertura do sobre 1, para coñecer a identidade dos autores das propostas premiadas.
Recordar que nas bases se establecían os seguintes premios:
– Primeiro premio (proposta gañadora): 6.000€.
– Segundo premio: 3.000€.
– Dous accésits de: 1.500€ cada un.
O xurado tamén acordou unha mención especial, sen contía
económica.