O Colexio da Arquitectos de Galicia e a Consellería de Cultura colaborarán para resolver as dúbidas das modificacións da Lei do Patrimonio Cultural. O COAG expresou a súa preocupación polo traslado de emisións dos informes de patrimonio aos concellos. A Xunta de Galicia lembrou o seu compromiso de resolver os expedientes dos concellos que así o soliciten.
O decano do COAG, Luciano Alfaya e o conselleiro de Cultura, José López, reuníronse onte luns para abordar as modificacións introducidas na Lei do Patrimonio Cultural o pasado mes de xaneiro. No encontro, ao que tamén asistiron o director Xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, e a vogal de Urbanismo do COAG, Natalia Alvaredo, o Colexio trasladou a súa preocupación polos cambios na lei e a incerteza creada entre arquitectos e arquitectas das administracións locais, así como o aparente risco de desprotección de bens patrimoniais en todo o territorio galego.
A Consellería e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural explicaron que a lei trata de axilizar e desburocratizar os trámites sen que iso supoña unha menor protección para a conservación dos bens patrimoniais de Galicia. En todo caso, lembrou que seguirán asumindo a elaboración daqueles informes que non poidan ser emitidos desde os concellos, xa sexa por carecer de arquitectos ou pola inexistencia dun catálogo de patrimonio municipal actualizado.
Así mesmo, desde a Xunta de Galicia expresouse o seu interese por elaborar unha revisión e ampliación do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia, actualmente en fase de preparación das súas bases para o que se pretende contar coa participación do COAG.
Mentres, en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, vaise traballar na preparación de accións formativas en todo o territorio galego que permitan a arquitectos e arquitectas municipais poder mellorar os informes de patrimonio, así como establecer criterios harmonizados coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Para o conselleiro de Cultura, estes avances “supoñen unha axilización nos trámites e unha solución idónea para a maioría dos expedientes que chegan á Direccion Xeral de Patrimonio Cultural”. Igualmente sinalou que “en calquera caso a responsable última seguirá a ser a Administración autonómica, polo que os concellos poden saber que contan co noso apoio en caso de necesidade”.
Luciano Alfaya expresou a súa satisfacción por esta vontade de colaboración, así como pola explicación da postura da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que se seguirá a facer cargo dos informes daqueles concellos que non teñan un catálogo municipal de patrimonio ou que carezan de arquitectos ou arquitectas municipais. Tamén considera que “as xornadas van servir para que os arquitectos da administración e do exercicio libre poidan coñecer con claridade os criterios para a elaboración dos informes” e dese xeito poder seguir a protexer o patrimonio galego.
Na reunión tamén se abordou a situación dos arquitectos e arquitectas a cargo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de xeito que se poidan realizar accións de cara a súa estabilidade, esencial para a axilización da emisión dos informes e para realizar unha axeitada defensa do Patrimonio. Nesa liña, o COAG lembrou que está a disposición de todas as administracións, como corporación de dereito público, para apoialas en caso de necesitar reforzos puntuais no traballo que realizan.
