Presentación do informe sobre a ‘Evolución do visado de vivendas de nova planta no período 2020-2025’

13 Feb 2026

O COAG presentou os datos de 2025, así como un amplo informe sobre a evolución dos visados dos últimos seis anos, por provincias e comarcas, no que se constata un crecemento sostido. O Colexio de Arquitectos de Galicia visou 4.839 vivendas de nova planta en 2025, un 39 % máis que no ano anterior, Rexistráronse 3.374 vivendas colectivas, un 59 % máis que en 2024, e 1.465 vivendas unifamiliares, cun aumento do 8 % con relación ao 2024.

Luciano Alfaya, decano:
“A vivenda colectiva aumentou pola confianza investidora no sector, a pesar da falta de materiais e a escaseza de man de obra cualificada”

Os concellos da Coruña, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo, Oleiros, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Ames, Ferrol e Carballo visaron un 73 % do total

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou o xoves 12 de febreiro o informe sobre a ‘Evolución do visado de vivendas de nova planta no período 2020-2025’. O decano, Luciano Alfaya, a secretaria da xunta de goberno do COAG e membro do Observatorio de Vivenda da Xunta de Galicia, María Pierres, e o arquitecto da área técnica da entidade, Eduardo Alonso, fixeron públicos os datos nun acto celebrado na sede colexial da Praza da Quintana en Santiago.

Os datos de 2025 reflicten un aumento do 39 % das vivendas visadas de nova planta con relación a 2024, alcanzando as 4.839 vivendas. Por tipoloxía de vivenda, o COAG rexistrou o pasado ano 3.374 vivendas colectivas (un 59 % máis que en 2024) e 1.465 vivendas unifamiliares (un 8 % máis que en 2024). Por provincias, A Coruña rexistra 1.383 vivendas colectivas e 634 vivendas unifamiliares; Lugo sitúase en 257 vivendas colectivas e 134 vivendas unifamiliares; Ourense cifra 0 vivendas colectivas e 135 vivendas unifamiliares; e a provincia de Pontevedra pecha 2025 con 1.733 vivendas colectivas e 563 vivendas unifamiliares.

Por primeira vez neste século, a provincia de Pontevedra superou en número de vivendas novas visadas á provincia da Coruña en 2025 (Pontevedra 2.296 e A Coruña 2.017), pola conxunción do crecemento de vivendas en Sanxenxo e na capital da provincia. Nesta comparativa provincial, o decano tamén indicou que destaca o repunte de Lugo, mentres que a provincia de Ourense non visou ningunha vivenda colectiva en 2025, probablemente vencellado á ausencia de planeamento na cidade das Burgas.

Os 10 concellos con máis vivendas visadas no ano 2025

O informe do COAG reflicte, por comarcas, un maior desenvolvemento da construción no eixo atlántico en 2025, co auxe comarcal do Salnés –pola puxanza de Sanxenxo–, Pontevedra, Baixo Miño e A Coruña, así como o crecemento do eixo da nacional VI ao seu paso por Lugo. Luciano Alfaya sinalou a súa “preocupación polos indicios de desequilibrio territorial que amosan estes datos”.

No mapa municipal, o crecemento no 2025 vese claramente na contorna dalgunhas cidades, así como nos seus concellos limítrofes. Namentres que as cidades da Coruña e Pontevedra seguen a ser nodos centrais de crecemento, este pulo comeza a perderse en Ferrol, Lugo e Vigo, está equilibrado en Santiago e xa totalmente perdido en Ourense. Tamén destacan concellos do Salnés e outros da Costa da Morte e a Mariña lucense.

En concreto, os dez concellos nos que se visaron máis vivendas en 2025 son: A Coruña, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo, Oleiros, Lugo, Vilagarcía de Arousa, Ames, Ferrol e Carballo. Suman en total 3.517 vivendas de nova planta visadas en 2025, o que supón un 73 % do total. Luciano Alfaya destacou a “singularidade de Sanxenxo e, en menor media, de Oleiros, onde o número de visados de vivenda supón un incremento significativo en relación coa poboación empadroada nestes concellos”.

A dualidade galega costa-interior, reflectida no visado

No período 2020-2025 visáronse en Galicia 20.107 vivendas de nova planta, 10.460 vivendas colectivas e 9.647 vivendas unifamiliares, unha tendencia que amosa un crecemento sostido, pero condicionado polas continxencias locais ou internacionais e non tanto pola evolución económica do país.

O desenvolvemento por provincias non últimos seis anos reflicte a dualidade galega costa-interior, cunha clara tendencia negativa no 2024-2025 na provincia de Ourense (A Coruña: 4.698 vivendas colectivas e 4.428 unifamiliares, total: 9.126; Lugo: 697 colectivas e 707 unifamiliares, total: 1.404; Ourense: 341 colectivas e 952 unifamiliares, total: 1.293; e Pontevedra: 4.724 colectivas e 3.560 unifamiliares, total: 8.284).

Segundo o informe, o “efecto pandemia” provocou un pulo importante na construción de vivenda unifamiliar na poboación entre os anos 2020 e 2023, aínda que actualmente a situación xa se estabilizou. Totalmente contraria foi a situación da vivenda colectiva. O decano explica que “nos anos pandémicos as promocións de vivenda colectiva sufriron unha caída drástica, ao igual que no 2023 coa inestabilidade provocada polos conflitos internacionais coa correspondente carestía e subida dos prezos dos materiais”. Tamén matizou que xa desde 2024, e especialmente en 2025, “a vivenda colectiva aumentou pola confianza investidora no sector, a pesar da falta de materiais e a escaseza de man de obra cualificada”, pero engadiu este repunte é moi sensible á dispoñibilidade de solo conforme ao desenvolvemento do planeamento, como aconteceu na cidade de Vigo e prevese que suceda na Coruña.

A pesar dos bos datos de crecemento na creación de vivendas no último ano, o Colexio sinala que aínda se está moi lonxe dos datos pre-burbulla inmobiliaria do 2008. As vivendas visadas en 2025 (4.939) son o triplo que as de 2015 (1.204), aínda que só representan un 10 % das visadas no pico de 2006 (46.810).

“Volver a tales números é impensable. Despois do crecemento depredador de territorio pasouse a un modelo de resiliencia no que se prima a rehabilitación e a reintensificación. Dada a importancia que está a adquirir a rehabilitación e reintensificación, o Colexio está a traballar nun modelo estatístico que permita extraer datos máis aló da vivenda nova”, apuntou.

Con respecto aos materiais de construción, o informe explica que o seu prezo incrementouse substancialmente a partir de 2021, cunha suba do 25 % que aínda se mantén na actualidade en materiais como o aluminio, bituminosos, cemento, enerxía, luminarias, cerámicos, madeira, plásticos, químicos, áridos, siderúrxicos, electrónicos, cobre, vidro ou materiais explosivos.

Tamén se analizan no informe os prazos da terminación das obras. Establécese un promedio de 43 meses entre os visados dos proxectos de 2005 a 2020 de vivenda unifamiliar e colectiva e os seus certificados finais de obra, o que, segundo Alfaya “debe preverse para dar unha resposta áxil á demanda de vivendas, en especial na urxencia na que nos atopamos”. Engadiu que hai moito proxecto visado que non se chegou a rematar nunca, polo que antes de ocupar máis solo “deberíanse finalizar aqueles proxectos iniciados”.

Os datos presentados no informe atinxen a vivendas de nova planta que requiren o visado colexial preceptivo, quedando fóra as promocións públicas de vivenda protexida. Así, os datos aportados polo COAG de vivenda protexida están tomados do IGE, relativos só ata 2024. O decano apostilou a súa debilidade e caída nun sector en crecemento que, aínda así, “non é quen de dar resposta á demanda social de vivenda”.

Na semana na que se presentou o Pacto de Vivenda ata 2030, do que o COAG é un dos membros asinantes, prevese o inicio de 10.000 vivendas protexidas. Para Alfaya resulta significativo o punto de partida no que nos atopamos, xa que segundo o IGE, entre 2020 e 2024, iniciáronse unicamente pouco máis de 1.000 vivendas protexidas, o que supón un 6 % do total de vivendas iniciadas neste mesmo período en Galicia. “As medidas do Pacto de Vivenda poñen ás persoas en primeiro lugar e apostan pola rehabilitación, novas tipoloxías residenciais e os sistemas de prefabricación para traballar con tempos máis áxiles”, argumentou.

Pola súa parte, María Pierres engadiu que para conseguir a axilización de licenzas é preciso dotar aos concellos, sobre todo ao máis pequenos, de recursos, con máis persoal e arquitectos. Lembrou que se realizaron cambios na Lei de Acompañamento que favorecen esta axilización, pero os resultados non serán inmediatos.

* Lémbrase que o Colexio de Arquitectos de Galicia é o único que visa as novas vivendas que se están a desenvolver. O visado da edifición pública é voluntario.

informe de visado 2020-2025

Compartir