Mañá sábado 24 de febreiro, na Delegación de Vigo do COAG, a Presidenta do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), Marta Vall-llossera Ferran, o Decano do COAG, Luciano G. Alfaya e o Presidente da Confederación Estatal de Asociaciones Vecinales (CEAV), Julio Molina Barthe, presentarán a Guía veciñal de rehabilitación e o vídeo “Rehabilitar, paso a paso”.
O parque residencial en España está formado por 25,7 millóns de vivendas das cales máis de 10 millóns necesitan ser rehabilitadas porque se construíron antes do ano 1980, cando se aprobou a primeira normativa que fixaba uns mínimos de eficiencia enerxética. Pero a estas necesidades, hai que engadir outras, igualmente irrenunciables, de mellora da accesibilidade, a conservación e a funcionalidade.
Para impulsar unha cultura do mantemento de edificios, ata o de agora inexistente no noso país, a CEAV e o CSCAE aliáronse, en maio, no proxecto RehabilitAcción Ciudadana, co fin de promover a rehabilitación de vivendas e edificios, creando espazos de diálogo entre entidades veciñais e profesionais.
Mañá sábado na Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, CSCAE e CEAV presentarán algúns dos froitos que xa deu esta alianza: a Guía veciñal de rehabilitación e o vídeo Rehabilitar, paso a paso.
Nesta guía os cidadáns atoparán información completa e didáctica sobre a importancia das actuacións de rehabilitación desde un punto de vista global, así como os numerosos beneficios que conleva, non só económicos, tamén en calidade de vida e saúde, e os 10 pasos necesarios para levar a cabo unha obra de rehabilitación integral nas súas comunidades de veciños. Sempre acompañados dun/a arquitecto/a, o profesional formado para proxectala e coordinar todo o proceso.
E o vídeo sintetiza as fases para afrontar un proxecto de rehabilitación con garantías: desde o detonante ata o primeiro contacto con profesionais, a procura de financiamento, a elaboración do proxecto, a entrega da obra e o mantemento posterior, entre outras.
PRESENTACIÓN DA GUÍA VECIÑAL DE REHABILITACIÓN
Lugar: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Delegación de Vigo. R/ Dr. Cadaval 5, 36202 Vigo
Día: Sábado 24 de febreiro
Hora: 12:00 a.m.
Para asistir presencialmente a esta xornada, é necesaria inscrición na seguinte [+ ligazón]
Para acceder á web da Oficina de Apoio á Rehabilitación, pica na seguinte [+ ligazón]