A Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia outorga o Premio Traxectoria Profesional da XX edición dos Premios COAG de Arquitectura á arquitecta Pascuala Campos de Michelena (Sabiote, Jaén, 1938).
A xienense Pascuala Campos de Michelena viviu e estudou en Madrid, aínda que obtivo o título de Arquitecta en Barcelona, onde acabou doutorándose en 1968. En 1995 converteuse na primeira catedrática de proxectos arquitectónicos da Universidade da Coruña e é a primeira muller que obtén este título no conxunto das universidades de España.
A súa vida e carreira como arquitecta están ligadas á cidade de Pontevedra. Na década de 1950 a arquitectura en Galicia está representada polos arquitectos Xosé Bar Bóo e Andrés Fernández-Albalat, pero a partir de 1965 aparece unha nova ola de mozos arquitectos con novas ideas: Manuel Gallego, Javier Suances, Rafael Baltar Tojo, José Antonio Bartolomé Argüelles e o equipo formado por César Portela e Pascuala Campos. “Trátase dunha xeración que conforma o identificado como rexionalismo crítico, entendido como unha actitude fronte á memoria colectiva e un xeito de entender o lugar, o que implica unha renovación da linguaxe arquitectónica baseada nun profundo coñecemento da cultura construtiva local”.