A solución de interoperabilidade contribúe a simplificar e a axilizar a tramitación municipal: o administrado ou o seu representante só deberá consignar na súa solicitude o código de expediente do COAG, que lle facilitará o seu arquitecto. A partir dese dato, a aplicación de xestión municipal poderá verificar a validez do código, descargar a documentación técnica e asociala ao trámite correspondente. Desta maneira evítanse as dificultades habituais no rexistro de entrada, derivadas da natureza da documentación de proxectos (tamaño de arquivos, número de documentos, firmas electrónicas).
Desde o punto de vista do Concello, a documentación recíbese nunha estrutura documental normalizada e nun formato que facilita a supervisión técnica. Ademais, garántense a integridade e autenticidade dos documentos incorporados ao expediente municipal.
Este servizo, que se atopa en funcionamento en máis de 80 concellos de Galicia, consolidouse como unha ferramenta eficaz na axilización da tramitación no ámbito do urbanismo. O COAG está a traballar na súa extensión a un maior número de concellos e a outras administracións.
Ligazón á listaxe de concellos nos que está a funcionar a día de hoxe
