Reunido o xurado do Premio Arquitectura para un Mundo Mellor 2025, formado polos colexiados e colexiadas do COAG, Manuel Martinez Carazo, Elvira Carregado Pazos, Natalia Alvaredo López , Jennifer Núñez Fernández e Xosé Manuel Casabella López, todos con voto, e actuando como secretaria do mesmo, con voz pero sen voto, María Luisa Pierres López, deciden o seguinte:
Poñer en valor, otorgando o Premio Arquitectura para un Mundo Mellor 2025, as figuras de o Dr. Enxeñeiro Agrónomo Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, D. Manuel Guaita así como ó Dr. Enxeñeiro de Montes D. Manuel Touza, en función do seu intenso labor docente, divulgativo e investigador en relación coa tecnoloxía e construción en madeira durante os últimos 25 anos en Galicia.
Persoeiros principais e indispensables para comprender a recuperación do coñecemento e a cultura da construción con madeira en Galicia, o seu desenvolvemento e innovación, e en consecuencia, o extraordinario proceso de transformación e reformulación da produción de arquitectura en Galicia, experimentado nos últimos anos, e a día de hoxe en marcha.
Son moitos os arquitectos e arquitectas que disfrutaron da súa xenerosidade na trasmisión do coñecemento, cun apoio amosado sen reservas, tanto a nivel individual como colectivo, a empresas e outros axentes da construción e da industria en Galicia.
Figuras clave polo tanto para o impulso dunha nova cultura da construción vencellada coa nosa paisaxe, a nosa realidade territorial e a nosa tradición secular como construtores.
O acto de entrega do Premio, que contempla unha cea de celebración, realizarase o sábado 31 de xaneiro de 2016 no Convento de San Francisco de Santiago de Compostela. Horarios e modo de inscrición ainda por confirmar.
CVs dos premiados

D. Manuel Touzaé doutor enxeñeiro de Montes pola Universidade Politécnica de Madrid e conta con máis de 30 anos de experiencia en Centros Tecnolóxicos da Madeira. Iniciou a súa actividade profesional na Asociación da Investigación Técnica das Industrias da Madeira (AITIM) e, desde 1996, traballa no Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia.
Con profunda vocación de servizo público implicouse nun gran número de proxectos de construción en madeira, tanto en obra nova como en rehabilitación. As súas áreas de especialización céntranse no deseño construtivo e a durabilidade de proxectos de madeira, as intervencións en edificios históricos e o emprego de especies locais nas solucións construtivas.
No ámbito da rehabilitación dirixiu proxectos de investigación sobre as propiedades da madeira antiga, así como sobre técnicas de intervención e reforzo en estruturas existentes. Colaborando con múltiples arquitectos e arquitectas, interveu na diagnose do estado dun gran número de elementos estruturais de edificios emblemáticos do Patrimonio histórico de Galicia, apoiando entre outros, o extraordinario esforzo colectivo de salvagarda e rehabilitación da Catedral de Santiago de Compostela ou os procesos pioneiros en España de rehabilitación urbana de cidades e vilas históricas de Galicia durante os últimos 30 anos.
É autor/coautor duns 50 artigos e 10 libros, entre eles un manual sobre Durabilidade de Proxectos de Madeira encargado pola Confederación Española de Industrias da Madeira.
É membro dos Comités “Protección de Madeira” e “Estruturas de Madeira” da Asociación Española de Normalización e Certificación (AENOR) e membro experto do Comité Internacional da Madeira do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS).

O profesor Manuel Guaita é doutor enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid e Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, especializado en Estruturas de Madeira; exerce o seu labor docente na Escola Politécnica de Enxeñería do Campus de Lugo (5 quinquenios de docencia recoñecidos). Dirixe desde 2008, a Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural PEMADE, que centra o seu labor na investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito das estruturas de madeira; e director de sete edicións do Máster de Enxeñería da Madeira Estrutural, Título Propio da USC desde 2008 ata 2017, no que recibiron formación especializada moitos arquitectos e arquitectas galegas. Especialista en “Análise de Elementos Finitos”. Investigador principal en 18 proxectos de I+D financiados en convocatorias públicas (entre eles tres LIFE), e en máis de 50 contratos de I+D con empresas e administracións; autor de máis de corenta artigos en publicacións especializadas nacionais e internacionais; máis de 90 contribucións a congresos; director de once tese; membro de varios comités e representacións internacionais.
Foi investigador principal de múltiples proxectos, entre outros:
- Fomento do emprego do castiñeiro e a súa contribución na descarbonización do sector da construción 2023-2025,
- Posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e promoción da madeira de construción 2019-2022,
- Posta en valor do Eucalipto nitens.
- Investigacións para o seu uso en paneis contralaminados de elevadas propiedades mecánicas (BEST-CLT) 2016-2018.
Na súa condición desde xaneiro 2008 de Director e fundador da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (PEMADE) integrada na Universidade de Santiago de Compostela, na UXFS e na RIAIDT, colaborou e apoiou sen descanso o exercicio profesional de moitos arquitectos e arquitectas , así como de empresas galegas, sempre en busca da excelencia na práctica profesional e a producción industrial relacionada coa madeira en Galicia.
