Conferencia Juan Requejo – Planificación territorial de las energías renovables

28 Feb 2024

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e maila súa Delegación de Santiago, organizan o ciclo de 6 conferencias denominado “Territorios Análogos”. Este ciclo, que conta con especialistas en urbanismo e ordenación do territorio, permitirá coñecer diferentes experiencias levadas a cabo fóra de Galicia, e que en poderían gardar certa analoxía coa nosa realidade territorial.

A primeira das conferencias será o vindeiro xoves 7 de marzo, ás 19:30 horas, a cargo de Juan Requejo Liberal, consultor de planificación, economista e xeógrafo, ademais de fundador e director de At Clave e Arenal Gc. Juan compartiranos as súas experiencias no eido da planificación do territorio dende diversas perspectivas.

Título: Planificación territorial de las energías renovables
Contido: Un dos compoñentes principais da transición enerxética e ecolóxica é o despregamento de enerxías renovables. A renuncia aos grandes beneficios da enerxía fósil ten un custo: a ocupación do territorio e os seus efectos asociados. No momento presente o único instrumento de regulación da implantación das grandes plantas é a avaliación ambiental, pero desde diversos ámbitos reclámase a formulación dunha planificación territorial que optimice a localización, zonifique e regule. Esta conferencia analiza os factores condicionantes desta planificación territorial e expón unha proposta baseada en experiencias en marcha noutras CCAA.

PONENTE

Juan Requejo Liberal  é consultor de planificación, economista e xeógrafo, e fundador e Director de At Clave e Arenal Gc. Asesorou a diversos organismos internacionais, (Comisión Europea, PNUD, CAF, OMT Turismo…), a gobernos de varios países (Uruguai, Panamá, Marrocos, Portugal, República Dominicana, México, Mozambique), a diversos Ministerios do Goberno de España, e a distintos gobernos rexionais europeos e entidades locais.

Dirixiu máis de 50 plans en diversas materias como desenvolvemento territorial e local, enerxía, ordenación do territorio, urbanismo, industria, turismo e medio ambiente.

En materia de enerxía, hai que destacar a súa participación en estratexias rexionais e locais e planificación territorial de enerxías renovables. No momento actual está a participar na redacción do Plan de Desenvolvemento da Rede de Transporte de Enerxía Eléctrica 2026-2030 do Estado Español e está a coordinar o equipo que traballa co municipio de Ea (Urdaibai) nunha reconversión profunda do sistema enerxético en resposta á adaptación ao cambio climático.

É docente en varios másters das universidades de Santiago de Compostela, Sevilla e Autónoma de Madrid, relacionados con enerxía, territorio, urbanismo e turismo; é autor de diversas publicacións sobre estas materias.

INSCRICIÓN

Aínda que a conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, é necesaria a inscrición previa para unha adecuada organización.

A inscrición dá dereito á reserva de praza ata 10 minutos antes da hora de comezo. A partir dese momento ponse ao dispor dos interesados en asistir que se achegaron ao lugar de celebración.

ACCESO AO FORMULARIO DE INSCRICIÓN

 DATA:
Xoves 7 de marzo de 2024

HORARIO:
19:30 a 21:00 horas

LUGAR:

Salón de actos do Museo das Peregrinacións e de Santiago
Praza das Praterías, 2. Santiago de Compostela

Compartir