Comunicado sobre a reforma da “Ley General de la Seguridad Social”

16 xuñ 2026

O COAG celebra a aprobación da proposición de lei para a reforma da “Ley General de la Seguridad Social” en relación coas mutualidades alternativas.

O fito máis destacado da sesión parlamentaria foi a aprobación da emenda 47 que introduce melloras cruciais que modifican substancialmente o proxecto inicial e responden a gran parte das reclamacións históricas do noso colectivo: Inclusión dos profesionais xa xubilados; Eliminación dos vetos que deixaban fora aos mutalistas con máis de 15 anos cotizados no sistema público; Exención fiscal das transferencias.

Esta ampliación do acceso á pasarela cumpre cunha das demandas máis recorrentes do CSCAE e do propio COAG: avanzar cara a un modelo que fose verdadeiramente universal e xusto.

Malia o éxito que supón a aprobación deste texto no Congreso, mantemos a cautela pois o proxecto aínda non é definitivo. Para converterse en lei e entrar en vigor, debe completar o seu percorrido polas Cortes Generales, Senado e volta ao Congreso, e logo da súa publicación terase que redactar o Regulamento que concrete o procedemento e as condicións exactas para transferir os fondos económicos ao RETA.

Dende o COAG apoiamos estas reivindicacións desde o primeiro momento, participando activamente nos debates para trasladar coa máxima firmeza a realidade e as demandas maioritarias dos colexiados e colexiadas de Galicia. O CSCAE xa confirmou que continuará mantendo reunións ao máis alto nivel para asegurar que a pasarela final sexa voluntaria, universal e xusta.  Seguiremos informando polo miúdo de cada paso que se dea neste proceso.

Podes atopar máis información e comunicados oficiais do seguimento na páxina web: www.cscae.com

Compartir