A 1 de abril asentáronse as linteis do Pórtico da Gloria por Mateo

1 Abr 2018

Para celebrar o Día das Artes Galegas a Real Academia Galega de Belas Artes escolleu o 1 de abril de cada ano, en lembranza da mesma xornada do ano 1188, data constatada no epígrafe das linteis do Pórtico da Gloria e coa que se certifica que aquela é obra dirixida, dende os seus alicerces, polo Mestre Mateo.

Cima da Arte Románica, arte europea por excelencia, pórtico que abre a camiños, que fan de Galicia encrucillada de culturas, e que mesmo sintetiza todas as artes. Da cultura, das tradicións, dos saberes dos canteiros e das relacións foi posible o Pórtico da Gloria.

As figuras homenaxeadas en anos anteriores foron o Mestre Mateo (2015), Castelao (2016) e Maruja Mallo (2017).

Este ano conforme á proposta realizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia á Real Academia Galega de Belas Artes, o pleno da Academia en Sesión Ordinaria celebrada o pasado 1 de xullo de 2017, decidiu elixir a candidatura do arquitecto Alejandro de la Sota Martínez, para a celebración do “Día das Artes Galegas” do ano 2018. Nesta deliberación a Academia tivo en conta a importante significación do seu legado e da súa obra arquitectónica.

En breve informaremos sobre as actividades que o COAG en colaboración coa Academia de Belas Artes levara a cabo para dar a coñecer a figura de Alejandro de la Sota á sociedade.

Compartir