Presentación da Guía Veciñal de Rehabilitación

19 Feb 2024

O vindeiro sábado 24 de febreiro, na Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a Presidenta do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE), Marta Vall-Llossera Ferrán, o Decano do COAG, Luciano González Alfaya e o Presidente da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), Julio Molina Barthe, presentarán a Guía veciñal para a rehabilitación e o vídeo Rehabilitar, paso a paso.


 

O parque residencial en España está formado por 25,7 millóns de vivendas das cales máis de 10 millóns necesitan ser rehabilitadas porque se construíron antes do ano 1980, cando se aprobou a primeira normativa que fixaba uns mínimos de eficiencia enerxética. Pero a estas necesidades, hai que engadir outras, igualmente irrenunciables, de mellora da accesibilidade, a conservación e a funcionalidade.

Para impulsar unha cultura do mantemento de edificios, ata o de agora inexistente no noso país, a CEAV e o CSCAE aliáronse, en maio, no proxecto RehabilitAcción Cidadá, co fin de promover a rehabilitación de vivendas e edificios, creando espazos de diálogo entre entidades veciñais e profesionais.

O vindeiro sábado 24 de febreiro, na Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, CSCAE e CEAV presentarán algúns dos froitos que xa deu esta alianza: a Guía veciñal para a rehabilitación e o vídeo Rehabilitar, paso a paso.

Nesta guía os cidadáns atoparán información completa e didáctica sobre a importancia das actuacións de rehabilitación desde un punto de vista global, así como os numerosos beneficios que conleva, non só económicos, tamén en calidade de vida e saúde, e os 10 pasos necesarios para levar a cabo unha obra de rehabilitación integral nas súas comunidades de veciños. Sempre acompañados dun/a arquitecto/a, o profesional formado para proxectala e coordinar todo o proceso.

E o vídeo sintetiza as fases para afrontar un proxecto de rehabilitación con garantías: desde o detonante ata o primeiro contacto con profesionais, a procura de financiamento, a elaboración do proxecto, a entrega da obra e o mantemento posterior, entre outras.

PRESENTACIÓN DA GUÍA VECIÑAL DA REHABILITACIÓN
Lugar:                          Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
                                      Delegación de Vigo. R/ Dr. Cadaval 5, 36202 Vigo
Día:                               Sábado 24 de febreiro
Hora:                            12:00 a.m.

Para asistir presencialmente a esta xornada, é necesaria inscrición no seguinte  [+ enlace]
Para acceder á web da Oficina de Apoio á Rehabilitación, pica no seguinte   [+ enlace]

Compartir