Directiva europea sobre eficiencia enerxética dos edificios. EPBD

17 Xul 2024

DIRECTIVA (UE) 2024/1275 DO PARLAMENTO EUROPEO E DO CONSELLO do 24 de abril de 2024 relativa á eficiencia enerxética dos edificios (EPBD: Energy Performance of Buildings Directive)

Recentemente, en maio de 2024, publicouse no DOUE a Directiva 2024/1275 Directiva sobre Eficiencia Enerxética dos Edificios (EPBD), que vén actualizar e refundir a anterior Directiva 2010/31/UE.

As directivas europeas son o primeiro paso lexislativo dando as pautas que posteriormente os Estados Membros teñen que transponer en determinados prazos. Por iso, é importante coñecer as directrices que vai ditando a Unión Europea xa que nos chegarán e influirán dunha ou outra forma. Unha vez que a directiva foi aprobada, os Estados que pertencen á Unión Europea dispoñen de dous anos para incorporala á súa lexislación nacional.

Entre os principais asuntos que trata este Directiva sobre eficiencia enerxética están:

  • Obxectivos de redución de emisións. A maior ambición en materia de clima e enerxía da Unión require unha nova visión de futuro para os edificios: o edificio de cero emisións, cunha demanda de enerxía moi baixa, cero emisións de carbono procedentes de combustibles fósiles in situ e cero ou unha cantidade moi baixa de emisións de gases de efecto invernadoiro operativas. Como moi tarde en 2030, todos os edificios novos deben ser edificios de cero emisións, e os edificios existentes deben transformarse en edificios de cero emisións como moi tarde en 2050. Parece claro, que esta esixencia e a necesidade de descarbonización do sector da construción, poderían levar nun futuro a cambios na normativa sobre aforro enerxético. Estas medidas non só transformarán a forma en que se deseñan e constrúen os edificios, senón que tamén influirán no seu mantemento e xestión ao longo de todo o seu ciclo de vida.

  • Respecto á eficiencia enerxética de 2020, de media haberá que mellorar para rehabilitación un 16% para 2030 e un 20-22% para 2035. Os Países da UE terán que adoptar medidas para chegar a eses obxectivos.

  • Pasaportes de renovación. Como moi tarde o 29 de maio de 2026, os Estados membros introducirán un sistema para pasaportes de renovación. Estes documentos serán a folla de roteiro adaptado para a renovación en profundidade dun edificio concreto por fases que mellorará significativamente a súa eficiencia enerxética. O pasaporte de renovación deberá ser expedido nun formato dixital adecuado para a impresión por un experto cualificado ou certificado tras unha visita in situ.

  • Eliminación progresiva das caldeiras de combustibles fósiles. A partir do 1 de xaneiro de 2025, os Estados membros non concederán ningún incentivo financeiro para a instalación de caldeiras independentes alimentadas con combustibles fósiles.

  • CEE: Como moi tarde o 29 de maio de 2026, o certificado de eficiencia enerxética deberá ser conforme co modelo establecido na Directiva. Preténdese homoxeneizar o CEE en toda a UE. Os Estados membros que reaxustasen as súas clases de eficiencia enerxética a partir do 1 de xaneiro de 2019 e antes do 28 de maio de 2024 poderán aprazar o reaxuste das súas clases de eficiencia enerxética ata o 31 de decembro de 2029.

  • Estimúlase a creación de “portelos únicos” para obter asesoramento en materia de renovación, similares ás oficinas de rehabilitación actuais. Os Estados membros velarán polo establecemento e funcionamento de servizos de asistencia técnica, por exemplo, a través de portelos únicos inclusivos para a eficiencia enerxética dos edificios, dirixidos a todos os axentes implicados nas renovacións de edificios, entre outros, os propietarios de vivendas e os axentes administrativos, financeiros e económicos, como as pemes, incluídas as microempresas.

Oficina de Asesoramento e Impulso á Rehabilitación do COADE.

Compartir