O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) remitiu unha consulta á Comisión Permanente da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo en relación á necesidade de contemplar o deseño dos peches de parcelas nos proxectos de obras en aplicación do artigo 38.4 do Plan Básico Autonómico de Galicia.
Consulta:
1. ¿A aplicación do art. 38.4. implica que todos os proxectos de obras ou edificacións, cando se actúe sobre unha parcela máis extensa que o propio edificio, deberán completarse sempre con actuacións de peche de parcela?
2. ¿A aplicación do art. 38.4 imposibilita as actuacións que pretendan parcelas sen peches ou delimitacións?
3. ¿En virtude do art. 38.4 do PBA, non serían viables as actuacións de peche de parcela en expediente municipal e proxecto independente das edificacións da parcela?
4. ¿En que medida se debe aplicar o art. 38.4 sobre actuacións, totais ou parciais, que afecten a edificacións existentes (rehabilitacións, ampliacións, reformas parciais, cambios de uso, etc.)?
A Comisión Permanente da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en sesión do trinta de xuño de dous mil vinte e seis, adoptou, entre outros, o seguinte informe, por unanimidade dos membros presentes na sesión:
CONCLUSIÓNS
1.- O artigo 38.4 do Plan Básico Autonómico de Galicia establece que o deseño dos peches e parcelas incluirase sempre nos proxectos de obra, co fin de harmonizar formalmente coas construcións e os espazos libres da parcela, así como coas características escénicas do contorno.
En consecuencia, cando o promotor prevea, de xeito simultáneo, o “deseño dos peches e parcelas” e un proxecto de obra distinta no mesmo predio, sexa por propia iniciativa ou en cumprimento das condicións urbanísticas que resulten de aplicación, este deseño deberá estar obrigatoriamente integrado nese proxecto de obra.
2.- O previsto no artigo 38.4 non implica que a actuación edificatoria deba completarse en todo caso con actuacións de peche de parcela, nin imposibilita aquelas que pretendan parcelas sen peches ou delimitacións.
Tampouco prohibe levar a cabo actuacións de peche de parcela en expediente municipal e proxecto independente da edificación, sempre que non sexan actos simultáneos e quede igualmente cumprida a harmonización formal do peches coas construcións e os espazos libres da parcela.
A dita exixencia se aplica, nos criterios de simultaneidade antes expostos, cando para o tipo de intervención sexa legalmente esixible un proxecto de obra.
3.- O artigo 38.4 do PBA inclúese no Título III. “Condicións xerais da edificación” e, en virtude do seu carácter complementario respecto do planeamento municipal, non se aplica se despraza á regulación de idéntico obxecto da normativa urbanística do planeamento municipal.
En concreto, non cabe aplicación do artigo 39.4 do PBA cando o planeamento xeral conteña a regulación das condicións particulares dos peches de parcela na norma zonal ou, en ausencia dela, a propia normativa urbanística municipal incorpore nas normas xerais da edificación condicións relativas a estes elementos.
