O Programa Fogar Vivo ten por obxecto establecer axudas ás persoas ou entidades propietarias e usufructuarias de vivendas coa finalidade de incentivar que as incorporen ao mercado de aluguer a través dunha renda asequible.
O Programa establece as seguintes axudas:
a) Unha axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de falta de pagamento de rendas e/o seguros multirrisco de fogar.
b) Unha axuda para a adecuación e reparación da vivenda.
c) Unha axuda vinculada á obtención da axuda para adecuación e reparación (en diante, axuda vinculada), para o caso de que a vivenda se alugue a menores de 36 anos ou con fillos/as menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo con algún grao de discapacidade recoñecida.
Na execución de obras de adecuación e reparación das vivendas considéranse subvencionables as seguintes actuacións:
a) Obras de conservación e mantemento.
b) Obras de rehabilitación necesarias para garantir a habitabilidade da vivenda, así como as obras necesarias para o correcto funcionamento das súas instalacións e/o para a súa adaptación á normativa vixente.
c) Axustes na distribución interior da vivenda.
d) Adquisición e colocación de mobiliario de cociña, así como dos seguintes electrodomésticos: neveira, cociña, forno, lavalouzas e campá extractora.
e) Cambio de sanitarios, lavadoras, bañeira e biombos.
A contía máxima das axudas non poderá superar o límite de 16.000 euros por vivenda, consonte a seguinte distribución:
a) Axuda para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de falta de pagamento de rendas e/o seguros multirrisco de fogar: de ata 3.000 euros, desagregados en importes anuais de ata 600 euros, no caso de que a persoa arrendadora sexa unha persoa física, ou de ata 428 euros, no caso de que sexa unha persoa xurídica.
b) Axudas para a adecuación e reparación das vivendas: en función do investimento realizado, terá os seguintes importes:
– Axuda base de ata 5.000 euros: a subvención será do 80 % do gasto xustificado, con independencia do número de actuacións que se realicen, ata un investimento de 6.250 euros.
– Axuda complementaria de ata 6.000 euros, a razón 2.000 euros por cada 10.000 euros de investimento adicional a partir do investimento de 6.250 euros, ou a parte proporcional, en función do investimento realizado e dos gastos xustificados.
c) Axuda vinculada: 2.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes rematará ás 14.00 horas do 30 de outubro de 2025.
