Presentación do libro + debate “Galicia, Distrito Industrial: Conversas con Daniel Hermosilla”

3 Xul 2024

O martes 9 de xullo, ás 19:00 horas, na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a presentación do libro + debate Galicia, Distrito Industrial: Conversas con Daniel Hermosilla, na que participarán Fernando Agrasar Quiroga, arquitecto; Manuel Ángel Pose Palleiro, Aluman; Rosa María Arcas, Betanzos HB; Antón Baamonde, autor e Daniel Hermosilla, autor.

Esta presentación vainos permitir achegarnos ao coñecemento de todo un tecido de empresas galegas de última xeración, empresas de alto valor tecnolóxico, capitalizadas e internacionalizadas, que forman un ecosistema moi rico, e non suficientemente coñecido na nosa disciplina. Unha industria, necesaria, para desenvolver proxectos de arquitectura de calidade. Unha industria moi competitiva, con alto valor engadido, e que pode complementarse á perfección co tecido artesanal herdado no país.

A mensaxe deste libro é, ademais, unha aposta de futuro para este ecosistema industrial, no que se atopa tamén a arquitectura, unha aposta de especialización competitiva, debuxada en clave de país, para fomentar a industria local, a partir da definición dun distrito industrial, de forte base territorial.

«Galicia, Distrito Industrial intenta ofrecer unha certa cartografía desa nova xeración de empresas e información sobre elas, pero tamén unha mirada proactiva, anticipadora». Daniel Hermosilla, coa súa valiosa experiencia no sector dos prefabricados de formigón, porá enriba da mesa, para compartir e para discutir, exemplos inspiradores e modelos dos que extraer aprendizaxe. Trátase tamén de impulsar todas as cadeas de valor: aluminio, madeira, pedra, lousa, formigón, nas que Galicia, en moitos casos, é líder. E trátase, igualmente, de responder a retos tan importantes como o da descarbonización, a revolución loxística, ou a crise de suministros.

Para nós, como arquitectos/as, todo este coñecemento, e o debate sobre o mesmo, será unha axuda para responder a esa pregunta esencial da profesión, que se formula en cada proxecto: quen pode levarnos á realidade construída, coa calidade desexada, os nosos proxectos? Pois ben, sobre todo isto poderase falar cos membros da mesa, agardando poidan establecerse sinerxías positivas e posibles fórmulas de colaboración.

© Galicia, Distrito Industrial. Conversas con Daniel Hermosilla, Galaxia 2023

Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla

Información dos participantes

Fernando Agrasar Quiroga

Fernando Agrasar Quiroga é profesor titular no departamento de Proxectos arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. É coordinador do grupo de investigación GICAP, membro da comisión técnica de Docomomo Ibérico e académico correspondente da Real Academia Galega de Belas Artes.

As súas investigacións céntranse no estudo da Arquitectura como feito artístico e na súa consideración como herdanza patrimonial, especialmente da arquitectura contemporánea e nas interaccións entre arquitectura e paisaxe. Estas investigacións coexisten coa súa actividade profesional como arquitecto, centrado na rehabilitación, no estudo e na intervención sobre o patrimonio arquitectónico.

Manuel Ángel Pose Palleiro

Presidente Executivo do Grupo Aluman; grupo Industrial e de Enxeñería galego –Arteixo–, que se adica á execución de envolventes arquitectónicas e ao contract hoteleiro. Lito Pose incorporouse a compañía no ano 1990, asumindo a Dirección de Fábrica. No ano 2002 asumiu a Dirección de Operacións e en 2010 a Dirección Xeral.

Aluman, na etapa liderada por Lito Pose, ten mostrado unha modernización, expansión e internacionalización moi relevante.

Rosa María Arcas

Responsable de Desenrolo e Innovación de Betanzos HB; fábrica Tablex, taboleiro de fibras de madeira de alta densidade, a partir de eucalipto procedente de bosques sostibles.

Betanzos HB emprega biomasa forestal como combustible para conseguir a enerxía que necesita a planta.

O Tablex. A diferenza doutros taboleiros, non contén adhesivos artificiais. En Betanzos HB utilízase a ligninia, un material orgánico presente na madeira con propiedades termoplásticas, como adhesivo natural do produto. En definitiva, un camiño baseado, na sostibilidade, na circularidade, no impacto local e na innovación.

Daniel Hermosilla

Conselleiro Delegado do  Grupo Rodiñas; compañía dedicada ao deseño, fabricación e montaxe de elementos prefabricados de formigón. Daniel leva toda a súa vida profesional dedicada ás distintas fases do proceso de produción e deseño de elementos prefabricados de formigón. Trata, xunto aos seus compañeiros de Rodiñas, de trazar un camiño propio no mundo da Prefabricación, no que procuran por no centro dos seus intereses a eliminación de distancias entre Industria e Arquitectura; entre deseño e produción.

Antón Baamonde

Profesor de Filosofía, ensaísta e articulista. Colaborador habitual en varios medios de comunicación en escritos e radiofónicos –La Voz de Galicia, La Opinión, A Nosa Terra, El País, Radio Galega, SER–, ademais de en revistas como Galicia Internacional, Agália ou Grial. Formou parte do Consello de redacción da revista Luzes de Galiza. É membro da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares.

Entre as súas obras, destacan: A favor da esperanza. O marxismo e as linguaxes (1988). Sobre o tempo e outros desatinos (1990). A rosa sen porqué (1997). Aire para respirar. Memorias dun tempo presente (2002). A derrota de Galicia (2012).  Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global (2021).

DATA:
Martes 9 de xullo 2024 – 19:00 horas

LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORA:
Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir