Conferencia de VIER arquitectos: Entrando en Materia(s)

16 Abr 2026

O mércores 22 de abril, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: Entrar en materia(s) que será impartida polos arquitectos Antonio Raya, Cristóbal Crespo, Santiago Sánchez e Enrique Antelo, fundadores e socios do estudio VIER arquitectos. 

Síntese*

VIER arquitectos non entenden a arquitectura como unha disciplina teórica –ou retórica–, senón como un exercicio de comprobación constante. Fronte ao concepto dominante que vincula a innovación e o coñecemento á investigación, eles prefiren falar de experimentación.

No seu caso, o experimento non é un paso previo ao proxecto, senón o proxecto en si mesmo. E a obra, o seu laboratorio. É unha metodoloxía que foxe das fórmulas pechadas e os discursos preestablecidos para buscar respostas na realidade física da obra. Unha sorte de investigación de campo que se retroalimenta na experiencia e o oficio e se valida a través do feito construtivo. Proxectan buscando a idea que ten que lanzar e estruturar todo o proxecto. A función, a luz e o espazo definen arquitecturas nas que os materiais e as técnicas aportan orde e rigor, prescindindo de todo o que lles resulta banal ou superfluo.

Manexan a técnica como oportunidade, non conformándose co uso estándar dos sistemas. Sempre interesados en buscarlle as voltas aos materiais e aos procesos de fabricación e montaxe, afrontan a estandarización como unha vía cara a singularidade e a eficiencia.

Tratan a luz natural como o material máis importante da arquitectura, tan tanxible como o aceiro ou o formigón. Experimentan coa súa capacidade para dotar de texturas e atmosferas a espazos que nacen dunha estrita economía de medios.

Fronte á excesiva complexidade tecnolóxica, aposta pola sostibilidade baseada no sentido común e a optimización do proceso. A arquitectura debe ser intelixente de por si, precisando dun mínimo soporte mecánico para obter o confort. Experimentar é atopar ese equilibrio onde o orzamento non é un límite, senón un catalizador da creatividade.

A súa obra é, en definitiva, o resultado dunha curiosidade que non busca o refuxio da forma ou o impacto, senón a certeza do espazo construído. Unha invitación a entender a arquitectura como un proceso vivo onde cada obra é antesala e ensaio da seguinte.

*Síntese autoría de Alfonso Fernández, arquitecto.

VIER Arquitectos é un estudio con sede en Galicia, constituído polos arquitectos Antonio Raya, Cristóbal Crespo, Santiago Sánchez e Enrique Antelo, todos eles titulados pola ETS de Arquitectura da Universidade da Coruña, centro no que ademais imparten docencia. Ao longo dunha traxectoria de máis de 30 anos, teñen desenvolvido unha produción diversa que abrangue dende a escala residencial até a rehabilitación arquitectónica, equipamentos públicos e deportivos, intervencións urbanas e edificios industriais.

A súa obra foi publicada en revistas especializadas e ten recibido numerosos premios, consolidando unha traxectoria que defende a arquitectura como pensamento e experimentación que se constrúe e valida na propia realidade da obra.

Máis información en:

<https://vier.es>

© M. Schultz

 

DATA

Mércores 22 de abril de 2026– 19:00 horas

LUGAR

COAG A Coruña

Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORA

Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir