O xoves 21 de maio, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, no marco da Galicia Design Week, terá lugar a conferencia: Todo é interior, impartida polo arquitecto Javier Jiménez Iniesta, arquitecto director de Studio Animal.
Síntese
Todo é Interior é unha aproximación ao traballo de Studio Animal a partir dos referentes que constrúen o imaxinario do estudio, especializado en Interiorismo e arquitectura efémera. Studio Animal afirma que fai arquitectura dentro da arquitectura, traballando con conceptos como urbanismo interior ou ultraarquitectura. Nesta conferencia Javier amosará non só os seus últimos traballos senón tamén a súa forma de entender o deseño e de operar sempre nas marxes da disciplina.
Currículum
«Studio Animal é un estudio de deseño con sede en Madrid e Barcelona especializado en proxectos de interiorismo e arquitectura efémera. Está dirixido por Javier Jiménez Iniesta, arquitecto pola Escola de Arquitectura de Alicante, 2007, con matrícula de honra. Compaxina a súa actividade profesional coa docencia e a investigación académica. Ten sido Programme Leader do Máster en Creative Direction of Retail no Instituto Europeo di Design, professor visitante na Escola de Deseño Elisava e Global Community Professor na Escola de Arquitectura de Monterrey (México).
Studio Animal ocúpase do levar a cabo propostas relacionadas co pensamento ultracontemporáneo e a súa relación coa contorna na que vivimos. A redefinición dos espazos e ambientes habitados polo suxeito contemporáneo, sexa cal sexa a súa condición e natureza, é a columna vertebral do seu traballo; en busca dun futuro super-optimista para os potenciais habitantes dos seus deseños arquitectónicos.
Studio Animal ten sido galardoado co Premio Fad de Intervencións Efémeras 2023 e o Premio FAD de Interiorismo 2024, así como co Premio ROOM de Arquitectura Efémera en 2024 e 2025, o Premio DIN Deseño Interior Nacional 2025, e o FRAME Award 2024. Tamén foi seleccionado en diversas edicións da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, dos Premios de Arquitectura CSCAE e dos Premios da Casa da Arquitectura, así como nos Premios bianuais Arquia Próxima, resultando gañador na edición 2022. Recibiu ademais unha Mención Honorífica nos Premios ASCER 2024, unha Mención nos Premios COAM 2023, un Bronce nos Premios ADG Laus, o Premio Emporia de Ouro e o International China Award.
O traballo de Studio Animal ten sido obxecto de numerosas publicacións nacionais e internacionais, como Domus, OnDiseño, Detail AD, Diseño Interior, Manera, Abitare, Icon Design, Neo2, Interiors Korea, AIT, Maru China, El País Semanal, Proyecto Contract, Casa Viva, Bob Magazine, Dramática, Vanidad, ANShopfitting, Room, Arquitectura Viva e Frame.
+info:
<www.instagram.com/javijimeneziniesta>
DATA
Xoves 21 de maio de 2026– 19:00 horas
LUGAR
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
ORGANIZAN
Galicia Design Week
Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
COLABORA
Asociación cultural Flor de Santiago
