Conferencia de Álvaro Sevilla-Buitrago

30 Abr 2025

O mércores 14 de maio, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: O urbanismo contra o común: políticas espaciais e descolectivización na historia do capitalismo que será impartida polo arquitecto Álvaro Sevilla-Buitrago, Catedrático de Urbanismo na ETSA de Arquitectura de Madrid.


Síntese

Podemos abordar a historia do urbanismo dunha maneira fiel á experiencia das comunidades vulnerables do pasado e útil aos esforzos actuais por construír unha cidade máis xusta e democrática? A charla explorará esta cuestión tomando como punto de partida o recente libro do relator, Contra lo común: una historia radical del urbanismo. Trazando a conexión entre planificación urbana e loitas polo común durante máis de tres séculos, este traballo examina o papel das políticas espaciais no desenvolvemento do capitalismo e a descolectivización da sociedade. A presentación ofrecerá unha visión xeral do marco conceptual e do percorrido histórico da investigación, enfatizando os vínculos e potenciais leccións para entender os procesos contemporáneos de privatización, desposesión e destrución da cidade popular, pero tamén o potencial de resistencia e transformación dos proxectos que intentan recuperala.

Álvaro Sevilla-Buitrago

Álvaro Sevilla-Buitrago é un dos pensadores fundamentais do urbanismo contemporáneo. Catedrático de Urbanismo na Universidade Politécnica de Madrid, e Premio Extraordinario de Doutoramento pola mesma universidade, o seu traballo combina diversas tradicións de teoría urbana, historia e xeografía crítica, prestando especial atención á influencia da urbanización, o deseño e as políticas urbanísticas nas dinámicas de cambio social. Autor de máis de cincuenta capítulos de libro e artigos en revistas como Antipode, The Architectural Review, Cities, Planning Perspectives, Social and Cultural Geography ou Society and Space, ten tamén intervido en numerosos foros académicos e sociais a nivel internacional e recibido diversas bolsas e distincións, incluíndo a condición de Fulbright Scholar na Universidade de Harvard. Ademais, antes de dedicarse á investigación e á docencia, exerceu como urbanista durante máis dunha década.

En declaracións de Neil Brenner, da Universidade de Chicago, o último libro de Álvaro Sevilla, Contra lo común, que será a base sobre a que se formulará esta conferencia «é unha das contribucións máis importantes, orixinais e radicais que se teñen feito á teoría e á historia do urbanismo nos últimos cincuenta anos». Nel, o autor ofrece unha perspectiva lúcida e radical do proxecto de planificación urbana baixo o capitalismo á vez que propón unha inspiradora reivindicación de novas formas de autoxestión colectiva que protexan, amplíen e potencien os comúns».

DATA:
Mércores 14 de maio de 2025– 19:00 horas

LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORA:
Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir