O luns 22 de xuño, ás 11:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, convidámosvos a unha chocolatada colexial con todos os integrantes de VIER arquitectos: Antonio Raya, Cristóbal Crespo, Santiago Sánchez e Enrique Antelo para resolver todas as vosas dúbidas e/ou inquedanzas sobre a construción con elementos industrializados, nunha xornada de apoio á actividade profesional e de aprendizaxe informal que levará o título de Arquitecturas entre o oficio e a industria e que confluirá co ciclo #COAGconta.
Nesta xornada poderemos coñecer tamén todos os detalles da súa experiencia no desenrolo dun edificio de 40 vivendas protexidas en Xuxán, A Coruña, un proxecto no que a construción con elementos industrializados desempeñou un papel fundamental.
Síntese
“A industrialización está transformando a maneira de proxectar e construír vivenda colectiva. Máis alá da redución de prazos ou a optimización de procesos, supón unha oportunidade para mellorar a calidade, a precisión construtiva, a sostibilidade e as condicións de execución da obra.
Durante esta sesión abordaremos os retos, aprendizaxes e decisións de proxecto que teñen permitido materializar esta promoción de vivenda protexida, analizando como a colaboración entre arquitectura, enxeñería, industria e construción resulta chave para afrontar os desafíos actuais do sector”.
Currículum
VIER Arquitectos é un estudio con sede en Galicia, constituído polos arquitectos Antonio Raya, Cristóbal Crespo, Santiago Sánchez e Enrique Antelo, todos eles titulados pola ETS de Arquitectura da Universidade da Coruña, centro no que ademais imparten docencia. Ao longo dunha traxectoria de máis de 30 anos, teñen desenvolvido unha produción diversa que abrangue dende a escala residencial até a rehabilitación arquitectónica, equipamentos públicos e deportivos, intervencións urbanas e edificios industriais.
A súa obra foi publicada en revistas especializadas e ten recibido numerosos premios, consolidando unha traxectoria que defende a arquitectura como pensamento e experimentación que se constrúe e valida na propia realidade da obra.

© M. Schultz
+info: https://vier.es/
DATA
Luns 22 de xuño de 2026– 11:00 horas
LUGAR
COAG A Coruña Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
ORGANIZA
Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
COLABORA Asociación cultural Flor de Santiago
