#COAGconta: A estructura de madeira nos cascos históricos

20 Nov 2026

O mércores 25 de novembro, de 12:00 a 13:30, o COAG celebra unha nova xornada na que Ángel Panero Pardo, arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, presentará o relatorio «Enfrontando o construído na cidade histórica. Reflexións desde a arquitectura en relación coa intervención en estruturas de madeira existentes». A exposición abordará, desde a posición do arquitecto proxectista ou director das obras, as complexas circunstancias de contexto que concorren en calquera intervención sobre construcións históricas que conservan total ou parcialmente estruturas de madeira.

Cun enfoque esencialmente práctico, realizarase unha reflexión baseada na experiencia do relator sobre os dilemas e contradicións que as diferentes normativas e regulacións provocan inevitablemente en calquera obra, con especial incidencia no desempeño profesional do arquitecto. Analizarase como a inherente asunción de responsabilidades por parte da dirección de obra e as carencias de referencias normativas comprometen a toma de decisións deontolóxicas nun escenario transcendental para a conservación do patrimonio histórico, defendendo con franqueza que a reutilización e o reaproveitamento das estruturas de madeira resulta conveniente desde a arquitectura e rendible para o bo fin da obra.

Ángel Panero Pardo é arquitecto pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM) na especialidade de Urbanismo. Desenvolve o seu labor profesional como arquitecto coordinador de proxectos e obras na Oficina Técnica do Consorcio de Santiago —entidade da que tamén foi Arquitecto Director Técnico—, xestionando múltiples programas de rehabilitación no centro histórico compostelán recoñecidos con distincións internacionais como o Premio Europa Nostra ou o Premio Gubbio. Así mesmo, é fundador, director académico e coordinador do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación (CEGOR) da Fundación Laboral de la Construcción, ademais de contar cunha ampla traxectoria como consultor de patrimonio para organismos como a UNESCO ou a AECID e diversos premios de arquitectura e rehabilitación.

Para o seguimento en directo desta xornada, é necesaria a inscrición na seguinte [+ ligazón]

Colabora

Compartir