O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Asociación Clúster do Granito veñen de selar un acordo marco dirixido a impulsar a prescrición innovadora e o uso sostible da pedra natural na construción. Entre outras cuestións, este acordo comprende un novo servizo aos colexiados de asesoramento especializado no eido da pedra natural.
O servizo de consultas técnicas sobre pedra natural e as súas aplicacións, será prestado polo Clúster do Granito, servíndose da Oficina Técnica da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, mediante a resposta a consultas de carácter xeral sobre materiais, características, normativa de produto (normas UNE-EN, marcado CE), criterios de prescrición e documentación técnica dispoñible relativa á pedra natural.
As respostas elaboraranse con dilixencia profesional, sobre a base exclusiva da información facilitada pola persoa consultante, sen visita, ensaio nin verificación in situ, e con referencia á normativa que o prestador do servizo considere aplicable na data da resposta. Non constitúen garantía de resultado nin de adecuación ao proxecto concreto.
O servizo ten carácter informativo, orientador e non vinculante. Non constitúe proxecto, cálculo, estudo, ditame, informe, validación nin certificación, en particular aos efectos do artigo 17.5 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de Ordenación da Edificación, nin substitúe o labor profesional do arquitecto, ao que corresponde en exclusiva a decisión, a xustificación técnica e a adecuación das solucións ao caso concreto, así como a responsabilidade derivada do proxecto e da obra. As respostas non poderán incorporarse ao proxecto como documento xustificativo nin citarse como aval ou validación do Clúster nin da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia.
Quedan excluídas do servizo as consultas que requiran redacción ou revisión de documentos do proxecto (memorias, pregos, planos, medicións), cálculo, ensaios, inspección de obra ou informes periciais, que poderán ser obxecto de encargo profesional específico á FCTGG, á marxe deste convenio e sen intervención do Clúster.
O apoio en materia de prescrición limitarase a criterios técnicos e de prestacións e non incluirá referencias a marcas, fabricantes ou procedencias determinadas, en coherencia co artigo 126.6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público.
O Clúster responderá unicamente dos danos directos derivados de dolo ou culpa grave, con exclusión de danos indirectos e lucro cesante.
As consultas pódense facer no lugar habitual, no [panel de consultas].
