Dende a Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia comprácenos anunciar o derradeiro relatorio do ciclo Próximos 2026, que celebra este ano a súa sexta edición. A última conferencia terá lugar o vindeiro venres 25 de setembro.
Este ciclo nace coa vontade de dar a coñecer traballos e traxectorias arquitectónicas próximas á nosa Delegación, xa sexa polo emprazamento das obras, pola localización dos estudos ou polo contexto cultural e profesional no que se desenvolven.
Para pechar esta edición, contaremos coa presenza do arquitecto Nuno Melo Sousa. Será unha oportunidade para coñecer de primeira man unha arquitectura que, dende unha práctica situada entre Portugal e Galicia, establece un diálogo atento co territorio, a materia e as condicións específicas de cada lugar.
PONENTE

Nuno Melo Sousa (1988) é arquitecto pola Faculdade de Arquitectura da Universidade do Porto (FAUP), con formación internacional na TU Delft, nos Países Baixos, e no Balkrishna Doshi International Studio – Sangath, en Ahmedabad, India. Tras traballar no atelier [A] ainda arquitectura, e con Nuno Brandão Costa, dende 2012 desenvolve a súa práctica profesional no seu propio estudo, en Penafiel.
Compaxina a práctica arquitectónica coa docencia. Foi profesor convidado en Bangkok e Mendrisio e actualmente exerce na FAUP, onde tamén desenvolve o seu doutoramento.
A súa obra foi amplamente publicada e recoñecida en diferentes premios e publicacións. Entre os seus traballos destaca a Casa no Tâmega, distinguida cunha mención especial nos Premios FAD 2021 e galardoada co Gran Premio BIGMAT 2023 na categoría de pequena escala. O edificio-sede Corcet foi gañador do Premio ENOR Novo 2025 e finalista nos Premios FAD 2026.
A súa actividade esténdese tamén ao ámbito da formación e o debate arquitectónico, con participación en iniciativas como a Porto Academy e o UIA Emerging Workshop de Barcelona.
INSCRICIÓN
Aínda que a conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, é necesaria a inscrición previa para unha adecuada organización.
A inscrición dá dereito á reserva de praza ata 10 minutos antes da hora de comezo. A partir dese momento ponse ao dispor dos interesados en asistir que se achegaron ao lugar de celebración.
ACCESO AO FORMULARIO DE INSCRICIÓN
DATA:
Venres 25 de setembro de 2026
HORARIO:
19:00 a 20:30 horas
LUGAR:
Sede Afundación.
Rúa do Vilar, 19 , Santiago de Compostela.
PATROCINADORES:
Agradecemos o apoio e compromiso mostrado por cada unha das empresas que colaboran con este ciclo:
- GRUPO RODIÑAS
- FINSA
- TEJAS VEREA
- ALUMAN
- PAUDEPEDRA
