Pascuala Campos de Michelena, as arquitecturas de vida

13 Set 2017

Con esta xornada, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega quere recoñecer o labor de Pascuala Campos e con ela o das mulleres que, na arquitectura e no urbanismo, están a suscitar novos campos de reflexión e acción, outros lugares para a vida.

Esta xornada terá lugar o vindeiro 26 de outubro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar. Praza do Obradoiro, s/n . 15705 Santiago de Compostela).

Unha arquitectura para a vida e feita de espazos de paso, de encontro e lugares para a intimidade. A obra de Pascuala Campos está tecida así e a súa resulta ser unha actitude revolucionaria nun mundo de xerarquías espaciais no que as mulleres poucas oportunidades tiveron de construílo.

Pascuala Campos forma parte do conxunto de mulleres que, desde os anos 70, traballan e reflexionan sobre a arquitectura construída, introducen a perspectiva feminista, analizan en clave de xénero os lugares que habitamos. Asentada en Galicia desde os anos 60, é pioneira na incorporación da perspectiva de xénero á docencia neste campo. Primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos das escolas de arquitectura españolas, participou no Seminario Permanente Mujer y Ciudad, no que codirixiu, entre outros, o curso sobre “Urbanismo y Mujer. Nuevas visiones del Espacio público y privado”.

Contaremos coa participación de

Amparo Casares, Ana Gallego, Rebeca Blanco Rotea, Chus Martínez Domínguez, Luz Paz, Ana Amado, María Novas, Imma Jansana, Pilar Cos, Mariam Mariño Costales, Ana Romaní, Pascuala Campos, Luzía Oca, Carmen Blanco, Lola Feltrer, Marise Lasaosa, Luísa Postigo.

Máis información e inscrición no seguinte ENLACE.

Compartir