Seminario da Facultade Ágora sobre “Hábitat Sociable”

3 Nov 2021

A Deputación de Pontevedra está a piques de poñer punto final a unha das súas iniciativas máis exitosas, a primeira edición da Facultade Ágora, que dende o mes de abril e coa colaboración do COAG está a formar a representantes técnicos e políticos dos concellos da provincia para crear espazos públicos de calidade para mellorar a vida da cidadanía.

Como seminario final, a Facultade vai contar de maneira presencial coa figura central de Jan Gehl, máximo referente internacional do urbanismo ‘de escala humana’, autor das peonalizacións de Times Square en Nova York, o centro de Moscú e Melbourne. A transcendencia de Jan Gelh vese reflexada nos seus 98 libros publicados en 42 idiomas, a maioría escritos na última década, defendendo que as cidades avanzadas deben promover que a cidadanía camiñe e use a bicicleta nos seus desprazamentos urbanos, coincidindo coa tese da Rede Ágora no plantexamento de que “camiñar debería ser considerado un dereito humano”.

Gehl, que inicialmente ía participar nos seminarios formativos da Facultade Ágora en liña dende Copenhague o pasado mes de setembro, finalmente decidiu viaxar ata Pontevedra interesado por coñecer en persoa o traballo da Deputación, o que para nós é unha enorme satisfacción e un enorme recoñecemento, xa que esta eminencia a nivel mundial -con 85 anos- escolle moito as súas visitas presenciais.

O seminario sobre ‘Hábitat sociable’ no que participará celebrarase o 12 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra dende as 10 ás 14 horas. Nel inclúense tamén os relatorios da socióloga María Ángeles Durán, o fotógrafo nórdico Iwn Baan e o técnico especialista en iluminación Ángel González.

Aproveitando a visita de Gehl e dada a súa trascendencia, dende a Deputación decidiuse abrir as conferencias deste último seminario da Facultade a toda a cidadanía (persoal técnico, estudantes, profesionais…) e de balde. Deste xeito, ademais das e dos representantes xa matriculados, convidamos ás persoas colexiadas que podan estar tamén interesadas.

É precisa inscrición previa en agora@depo.gal antes do 10 de novembro, atendendo as solicitudes ata completar aforo.

Compartir