Exposición “Arquitectura do Camiño” no marco do festival Galicia Design Weekend na delegación viguesa do COAG

3 Out 2022

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia organiza, con motivo do Día Mundial da Arquitectura e no marco do festival Galicia Design Weekend, a exposición “Arquitectura do Camiño”, unha selección de proxectos non residenciais realizados entre os anos Xacobeos 2011 e 2021 comisariada polo arquitecto Jordi Castro, socio do estudio vigués de arquitectura Castroferro. A mostra, con entrada libre, poderase visitar na sede da Delegación de Vigo do COAG (rúa Doutor Cadaval, 5) desde o sábado, 1 de outubro, ata o 29 de outubro (Horarios: De luns a venres de 18 a 20 horas e os sábados de 12 a 14 horas e de 17 a 19 horas).

O festival Galicia Design Weekend está organizado pola asociación Galicia Design e a axencia Follow e patrocinado pola Xunta de Galicia, a través do seu programa O Teu Xacobeo. Tamén colaboran o COAG de Vigo, a Galería Maraca, Cervezas Alhambra, Miraveo e Verde. Esta nova edición do festival, por primeira vez en Vigo, reúne o mellor do deseño galego con referentes de fóra Vigo, cidade que se converte na capital do deseño do noroeste peninsular cun festival gratuíto, híbrido e dentro do circuíto internacional de semanas do deseño (https://www.gdw.gal/).

Compartir