IV Congreso APLU Disciplina Urbanística: Cuestións de actualidade a debate

4 Abr 2018

No DOG de 3 de abril, anúnciase a convocatoria do IV Congreso da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sobre disciplina urbanística: cuestións de actualidade a debate.

Durante os días 28, 29 e 30 de maio de 2018 terá lugar en Santiago de Compostela a cuarta edición do Congreso da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

O IV Congreso, baixo o lema “Cuestións de actualidade a debate”, segue a liña xa marcada polos tres anteriores, propoñendo un lugar de encontro no que analizar temas de máxima actualidade dende unha perspectiva multidisciplinar e integradora; un foro enriquecedor para relatores e participantes, a través do cal compartir os seus problemas e inquedanzas nun ámbito tan complexo como o do urbanismo.

Para a consecución deste obxectivo, nesta edición, abordaranse temas de máxima relevancia, tales como o marco constitucional no que as distintas Administracións Públicas deben exercer as súas competencias urbanísticas, a interrelación do urbanismo co medio ambiente e, particularmente, o seu papel fronte ao cambio climático, as dificultades prácticas coas que se atopan os operadores urbanísticos na esfera da intervención administrativa, así como unha análise das medidas necesarias para adaptarnos aos novos retos.

A participación de todos e cada un dos asistentes é a que fai posible a realización deste Congreso. Por iso, coa finalidade de dar un maior protagonismo a esa participación, prevese a realización de talleres nos que por en común opinións e casuísticas, a partir das cales se poidan acadar conclusións que reflictan ese debate. Non podemos desaproveitar tampouco a oportunidade de dar cabida á posta en común de problemas e solucións no ámbito das distintas Comunidades Autónomas.

Pode consultarse o programa no seguinte ENLACE.

Compartir