A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza unha nova xornada “Novxs Arquitectxs”, un encontro concibido como un espazo de visibilización e intercambio para arquitectas e arquitectos novos.
A cita poñerá o foco na diversidade de enfoques que caracterizan as novas xeracións, amosando unha práctica arquitectónica cada vez máis aberta, colaborativa e atenta ás transformacións sociais, territoriais e ambientais.
Nesta ocasión acompañarannos tres estudos vinculados á cidade de Santiago. A xornada contará con breves presentacións nas que cada estudo amosará o seu traballo e compartirá unha reflexión sobre os primeiros anos de exercicio profesional e a súa relación coa profesión. A continuación, abrirase un espazo de conversa e debate entre relatores e asistentes para compartir experiencias, inquedanzas e visións sobre a práctica arquitectónica.
A xornada rematará cun encontro informal para continuar a conversa e fomentar novas conexións entre as persoas asistentes.
Nesta edición participarán:
EstudioAX é un estudo de arquitectura fundado por Alicia Balbás e Xiao Pujol, con base na Coruña e en Corme, na Costa da Morte.
A súa práctica céntrase no deseño de espazos acolledores, pensados para ser vividos e desfrutados, entendendo cada proxecto como unha oportunidade para harmonizar as persoas co seu contorno.
O seu traballo desenvólvese desde unha atención coidada ás condicións propias de cada lugar, integrando contexto, materialidade e experiencia de uso. A través dunha aproximación sensible, abordan proxectos de pequena e media escala nos que a relación co territorio e a vida cotiá adquiren un papel central.
A súa práctica explora unha arquitectura atenta ao lugar e ás formas de habitar contemporáneas, combinando unha linguaxe contida co interese por construír espazos próximos, equilibrados e adaptados ás necesidades reais das persoas.
BEIRA é unha plataforma colaborativa de arquitectura con sede en Santiago de Compostela, fundada en 2022 por Juan Esturao, Ana Irisarri, Belén Monjardín e José Manuel Usabiaga, arquitectos pola ETSAC.
As súas traxectorias profesionais desenvolvéronse en diversos estudos e organismos en algunhas das principais cidades galegas e españolas, así como no ámbito internacional, participando en proxectos de distintas escalas, desde a obra pública ata o interiorismo.
Comezan a traballar conxuntamente tras obter o primeiro premio no concurso para a rehabilitación da sede de Aguas de Alicante. Desde entón, compaxinan a súa actividade individual co traballo colectivo, desenvolvendo proxectos de obra pública e privada, vivenda unifamiliar e concursos de arquitectura.
A súa práctica explora unha arquitectura sensible e atenta ao contexto, que busca integrar o rigor técnico, a calidade espacial e unha aproximación sostible e aberta á complexidade e á diversidade contemporáneas.
BARBOZA BLANCO é unha oficina de arquitectura fundada por Caio Barboza e Sofía Blanco en 2023.
Caio Barboza é un arquitecto brasileiro. Graduouse na Harvard University Graduate School of Design cun M.Arch II con distinción, onde recibiu o James Templeton Kelley Prize ao mellor proxecto de tese e o Kevin V. Kieran Prize á excelencia académica. Entre 2017 e 2024 colaborou coa oficina de Christian Kerez, onde foi Project Architect no proxecto de catro aparcadoiros en Muharraq, Bahréin.
Sofía Blanco é unha arquitecta española. Graduouse en Arquitectura pola ETSAM e obtivo un M.Arch II con distinción pola Graduate School of Design da Universidade de Harvard, onde recibiu o James Templeton Kelley Prize e o Faculty Design Award. Ademais, foi profesora asociada no máster do Departamento de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid.
A súa práctica combina experiencia profesional, investigación e docencia, desenvolvendo proxectos que integran precisión técnica, calidade espacial e atención aos sistemas construtivos. O traballo da oficina foi recoñecido en diversos premios e seleccións internacionais, entre os que se inclúen os Structural Timber Awards do Reino Unido, os Bauwelt Awards, os Premios FAD, o Premio Luis Moreno Mansilla, a Mostra de Nova Arquitectura Galega e os Premios COAM Emerxente.
A través das súas intervencións, a xornada ofrecerá unha panorámica que transcende a idea de “arquitectura emerxente” como etapa inicial, situándoa como un campo de experimentación activa no que se ensaian novas formas de proxectar, colaborar e construír.
Con iniciativas como “Novxs Arquitectxs”, a Delegación de Santiago reforza o seu papel como plataforma de apoio aos inicios profesionais, ao tempo que impulsa espazos de encontro que favorecen o intercambio de experiencias e a construción dunha cultura arquitectónica compartida.
DATA:
Venres 17 de abril de 2026
HORARIO:
19:30 a 21:00 horas
LUGAR:
Sede Afundación
Rúa do Vilar, 19
Santiago de Compostela.
INSCRICIÓN:
As persoas interesadas en asistir á conferencia deberán solicitar a súa asistencia cubrindo o formulario dispoñible no seguinte ENLACE, de cara a unha mellor organización.
