“Mentoring para arquitectxs 2023” – Delegación de Santiago de Compostela

20 Set 2023

A Delegación de Santiago de Compostela do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia anuncia a apertura da primeira convocatoria do Programa “Mentoring para arquitectxs 2023” no ámbito da nosa Delegación.

O programa pretende facilitar a incorporación á profesión de arquitectas e arquitectos nos seus primeiros anos de actividade, e basearase na colaboración con estudos de arquitectura xa consolidados. Á súa vez, espérase que o programa xere sinerxias entre distintos profesionais do ámbito da arquitectura que favorezan o seu desenvolvemento en Galicia.

A vontade do Programa é a de facilitar unha vía de comunicación aberta para que mentor e mentorizado compartan experiencia e coñecementos. Unha vez pechado o prazo de inscrición, o COAG celebrará un acto inaugural no que se poñerá en contacto aos distintos participantes.

A convocatoria ten vontade de percorrido, e no caso de ter éxito irase actualizando periodicamente.

Os únicos requisitos de inscrición son a experiencia e estar colexiado no ámbito da Delegación de Santiago. Os mentores deberán contar con experiencia demostrable, mentres que os mentorizados deberán de ser colexiados desde hai 5 anos ou menos.

Convidámosvos a sumarvos á iniciativa, dirixida tanto a aquelas persoas que se están indicando na profesión como a todas aquelas que acumulan unha experiencia suficiente e estean dispostas a compartila.

As solicitudes poderán presentarse ata o día 27/10/2023, mediante o formulario que se habilitará próximamente. A asignación de cada mentor realizarase por sorteo unha vez finalice o prazo de inscrición á convocatoria. Unha vez realizado, o COAG facilitará o contacto entre os participantes para iniciar o proceso.

* O COAG non será responsable do tipo de relación que se estableza entre ambas partes, e a responsabilidade será unicamente dos participantes.

Compartir