No marco do Programa “Mentoring para arquitectxs”, convidámoste a participar nun novo encontro que terá lugar o vindeiro xoves 4 de decembro ás 16:30 horas.
Nesta ocasión organizamos unha visita a uns edificios actualmente en construción na rúa Romero Donallo, en Santiago de Compostela, que empregan sistemas prefabricados de formigón de Rodiñas.
A actividade é posible grazas á colaboración da empresa promotora Santiago Sur Galicia (SSG), á que agradecemos expresamente a súa disposición para facilitar o acceso á obra e compartir o desenvolvemento do proxecto.
Dado o interese da visita, ábrese un número limitado de prazas adicionais para outras persoas colexiadas que non participan nesta edición do Mentoring.
A visita contará coa presenza de Daniel Hermosilla, director técnico de Rodiñas, empresa galega referente na investigación e desenvolvemento de sistemas construtivos industrializados. Hermosilla posúe unha ampla traxectoria no ámbito da prefabricación estrutural, liderando solucións innovadoras que melloran a eficiencia, a calidade e a sustentabilidade nos procesos de construción.
Durante o percorrido explicarase o proceso de execución e os principais aspectos técnicos do proxecto, salientando o potencial dos sistemas prefabricados como ferramenta de transformación do sector.
Para participar é imprescindible acudir cos Equipos de Protección Individual (EPI) necesarios, especialmente casco e calzado axeitado.
O punto de encontro será no cruce da Avenida Romero Donallo coa Avenida de Ferrol, na zona de acceso ás obras, ás 16:30 horas do día 4 de decembro.
Solicitamos que confirmedes a vosa asistencia cubrindo o seguinte formulario, no que se recollen as cuestións precisas para organizar a actividade. ENLACE AO FORMULARIO.
