Fallo dos Premios PRÓXIMOS 2024

6 Nov 2024

Co nome de Premios “Próximos” quérese facer referencia ao espírito do ciclo de conferencias que, ao longo dos últimos anos, ven organizando a Delegación de Santiago co obxectivo de dar a coñecer traballos arquitectónicos próximos a nosa delegación determinados polo emprazamento das obras.

Conforme á convocatoria realizada a finais do mes de xullo, un total de 42 propostas foron presentadas á edición do ano 2024 dos Premios PRÓXIMOS.

Finalmente o Xurado decidiu conceder os premios aos seguintes traballos:

  • Vivenda Unifamiliar
    Lugar Panchés, Polígono 36 Parcela 442, Horta das Ameixeiras 15295, Carnota, A Coruña
    Óscar Andrés Quintela | Iván Andrés Quintela | ARROKABE, SLP
    O proxecto representa unha interesante reinterpretación das tipoloxías residenciais existentes na zona, á vez que introduce un sistema construtivo innovador. Este enfoque combina a construción pesada, executada in situ para adaptarse á topografía do terreo mediante a utilización de formigón e pedra, cun sistema lixeiro e industrializado de armazón de madeira para os elementos elevados. O resultado é unha edificación contemporánea que establece un diálogo natural e integrado coas estruturas preexistentes e o lugar.
  • Rehabilitación de Vivenda Unifamiliar
    Lugar Guitiande 0 15280, Brión, A Coruña
    Óscar Andrés Quintela | Iván Andrés Quintela | ARROKABE, SLP
    A intervención consiste en revelar as capas ocultas das preexistencias e superpor un novo estrato con novos materiais. Destaca o seu enfoque, na que a sobriedade da intervención sobre a preexistencia denota intelixencia e coñecemento excepcional do oficio. Este proceso, xunto cun enxeñoso sistema de composición de ocos, integra de maneira harmoniosa e acertada o novo co existente, dotando ao conxunto dunha calidade arquitectónica inexistente antes da intervención.
  • Vivenda Unifamiliar Surf_House
    Lugar de Fieiro-Miñortos S/N 15999, Porto do Son (O), A Coruña
    Álvaro Marín Durán | Alfonso Castro Lorenzo | DOSESMAS Arquitectos, S.C.P.
    Trátase dunha vivenda de plantas ordenadas, atractiva e delicada. A formulación para a súa implantación non evidente, que en lugar de proxectar unha casa orientada directamente cara á paisaxe, selecciona coidadosamente a maneira en que desexa relacionarse coa súa contorna e cos veciños. A partir dunha serie de muros que proporcionan privacidade e protección, pero que a súa vez definen unha secuencia de espazos internos e externos.
  • Readecuación da Capela do Pilar para a implantación de novo mobiliario para os usos penitenciais
    María Cristina Nieto Peñamaría | José Luis Gil Pita
    Bo exemplo de colaboración entre arquitectos e artesáns. Trátase dunha peza resalta de maneira elocuente a destreza dos arquitectos para operar na escala máis miúda da nosa contorna construída. Cabe destacar a forma na que estes obxectos foron fotografados. A iluminación e a disposición do confesionario no espazo foron manexadas cunha habilidade escenográfica destacable, elevando a percepción estética do obxecto. A maneira en que a luz interactúa coas superficies do moble non só realza as súas calidades materiais e formais, senón que tamén contribúe a crear unha atmosfera contemplativa e solemne. Esta coidadosa posta en escena reflicte unha comprensión profunda dos aspectos visuais e emocionais do deseño, logrando que o confesionario transcenda da súa funcionalidade.
  • Casa 2M
    Rúa do Medio 41, Santiago de Compostela, A Coruña
    Álvaro Marín Durán | Alfonso Castro Lorenzo | DOSESMAS Arquitectos, S.C.P.
    A obra  desenvolta nunha parcela de dimensións extremas de apenas dous metros de ancho, preséntase como un brillante exemplo de como a limitación espacial pode converterse nunha oportunidade para a innovación arquitectónica. Os arquitectos lograron superar as restricións impostas pola estreiteza, ofrecendo unha proposta que demostra unha notable calidade espacial, construtiva e material.
  • Campo de Fútbol de Santa Isabel, Santiago de Compostela
    Santiago de Compostela
    Enrique Manuel Blanco Lorenzo | Patricia Sabín Díaz
    Notable exercicio de restrición e austeridade que merece ser destacado, logrando un equilibrio perfecto entre funcionalidade e materialidade. Non se impoñen á paisaxe nin ás preexistencias; en cambio, adáptanse a elas, creando unha integración harmónica que eleva a calidade arquitectónica do lugar. A planta resolve os vestiarios e o acceso histórico ao campo de fútbol cunha implantación intelixente, e cunha execución dos detalles de forma limpa e contundente.
  • Campo de Fútbol en Toques, A Coruña
    Toques · A Coruña
    Enrique Manuel Blanco Lorenzo | Patricia Sabín Díaz
    Exemplo de semellantes características ao outro proxecto presentado polos autores. Ao observar as dúas instalacións, percíbese unha profunda reflexión sobre o concepto de esencialidade aplicado á arquitectura deportiva. A sensación é que transmiten é a de haber logrado un equilibrio perfecto entre funcionalidade e materialidade, a diferencia de moitas instalacións deportivas contemporáneas que tenden a ser rimbombantes e excesivas, estes campos optan por un enfoque que respecta o entorno que os rodea.
  • 2 vivendas pareadas
    Parcelas V4.1 y V4.2 do SUNP5 A Muíña, Santiago de Compostela, A Coruña
    Alberto Redondo Porto | José Martin Valladares Duran | Marcial Rodríguez Rodríguez | Redondo Valladares Y Rodríguez, SLP
    O deseño destaca polo seu enxeño no acceso e as conexións entre plantas, logrando unha distribución clara e lóxica. A depresión do acceso respecto á rúa crea unha transición entre espazo público e privado, mellorando a experiencia espacial e achegando intimidade. A integración de bloques de pedra, que a vexetación coloniza, permite que a arquitectura xere a súa propia paisaxe. Ademais, o programa está resolto con habilidade, salientando os espazos intermedios e unha distribución intelixente, o cal reflicte tanto o oficio arquitectónico como a intuición e confianza dos promotores.
  • Centro de servizos
    Travesía da Ramallosa 7 15883, Teo, A Coruña
    Juan Antonio Varela García | María Del Carmen Escorihuela Vitales | Miguel Alonso Flamarique | Roberto Erviti Machain | MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, SLP
    Proxecto singular na súa funcionalidade clara e contundente. Manexánse ben os espazos de servizos e o espazo principal, nos que destacan a simplicidade, transparencia e emprego de materiais. As catro caixas que flanquean o núcleo central actúan como contedores das instalacións e servizos, liberando ao espazo principal de cargas utilitarias. Valóranse os volumes simples claramente pensados para dialogar coa contorna natural e reforzarse recíprocamente, ademais do esforzo por crear arquitectura para xerar imaxen corporativa. Este deseño non só mellora a funcionalidade do lugar, senón que tamén lle confire un carácter polivalente, permitindo imaxinar unha variedade de usos no futuro.

 

Os membros do xurado dos Premios PRÓXIMOS 2024 valoran moi positivamente a “alta calidade da maioría dos proxectos presentados, e celebran o nivel das candidaturas. Suxiren ademais,  a oportunidade de que a Delegación de Santiago do COAG promova unha exposición dos finalistas,  a modo de portas abertas á cidadanía, do traballo dos arquitectos próximos, que quizás puidérase mover por diferentes lugares da xeografía da Delegación”.

Noraboa a tod@s @s premiad@s.

Poden consultarse as obras premiadas e presentadas no seguinte ENLACE: https://www.coag.es/premios/obras/2

Compartir