Despois do éxito das dúas primeiras convocatorias do Premio “Arquitectura para un mundo mellor” impulsadas pola Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, esta nova, amplíase a todo o ámbito de Galicia en colaboración coa Comisión de Cultura do COAG.
O premio, que será outorgado a un ou unha profesional, non arquitecto/a, asociacións, agrupacións ou organismos en recoñecemento ao seu traballo e á súa especial achega a unha “Arquitectura para un mundo mellor”, quere facer un recoñecemento explícito a aqueles que nos acompañan neste complexo proceso de xeito excepcional reforzando ou engadindo valores profesionais, sociais ou culturais á tarefa da arquitectura.
Nese sentido anímase a todos os colexiados do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia á presentación de candidaturas que consideren idóneas para optar a este premio, tendo en consideración que a persoa proposta non deberá en calquera caso ser arquitecto, pero si o seu ámbito profesional ten que estar relacionado coa arquitectura, sendo especialmente valorable que a súa contribución á mesma se enmarque no espazo territorial da nosa Comunidade.
As candidaturas recibidas serán avaliadas por un xurado de tres persoas formado a tal efecto por compañeiros/as designados pola Xunta Directiva de Santiago e a Vogalía de Cultura do COAG tentando que sexa o máis representativo posible do colectivo.
Para participar nesta 3ª convocatoria debe enviarse unha mensaxe de correo electrónico a mundomellor@coag.es. A mensaxe debe de acompañarse dunha carta motivando xustificadamente a candidatura da persoa proposta. Unha mesma candidatura pode vir proposta por varios colexiados sendo o número de avais, xunto á biografía do ou da candidata, outra das cuestións que serán tidas en conta na valoración das candidaturas presentadas.
O prazo para a presentación de candidaturas esténdese ata o próximo 13 de setembro de 2024. Animádevos a participar!
* Os datos serán tratados unicamente coa finalidade de xestionar as candidaturas ao III Premio Arquitectura para un Mundo Mellor. O tratamento dos datos ten a base na comunicación de estar interesado en participar no proceso e istes datos so se conservaran o tempo necesario e no serán cedidos a terceiros salvo obriga legal.
Mais información sobre a nosa política de privacidade en www.coag.es.