Dende a delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos comprácenos anunciar que o xoves 2 de xullo terá lugar a primeira das conferencias do ciclo Próximos 2026, a través do cal se quere dar a coñecer traballos arquitectónicos próximos á nosa delegación, ben polo emprazamento das obras, estudos ou ben polo contexto que os envolve.
Este primeiro relatorio terá como protagonista o estudo López Rivera Arquitectos que nos falarán da súa obra recente, que abarca dende proxectos de obra pública ata encargos privados.
PONENTE

López Rivera Arquitectos é un estudo fundado en Barcelona no ano 2001 polos arquitectos Emiliano López e Mónica Rivera. Dende a súa creación, o estudo céntrase na obra pública a través de concursos, xunto cunha selección de encargos privados.
Con máis de dúas décadas de experiencia, o seu traballo dedícase a unha arquitectura coidadosamente elaborada que entende a disciplina como unha actividade cultural profundamente comprometía coa súa contorna. Compaxina o exercicio profesional coa docencia, o cal permitiu consolidar un estudo que se move entre a práctica e a investigación académica.
Na actualidade Mónica é profesora titular na cátedra Harry K. & Albert K. Smith na Rice University School of Architecture en Houston, Texas; onde ademais desenvolve o cargo de directora de estudos de posgrao.
Pola súa banda, Emiliano foi recentemente nomeado Eugene McDermott Centennial Visiting Professor na Escola de Arquitectura da Universidade de Texas en Austin.
INSCRICIÓN
Aínda que a conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, é necesaria a inscrición previa para unha adecuada organización.
A inscrición dá dereito á reserva de praza ata 10 minutos antes da hora de comezo. A partir dese momento ponse ao dispor dos interesados en asistir que se achegaron ao lugar de celebración.
ACCESO AO FORMULARIO DE INSCRICIÓN
DATA:
Xoves 2 de xullo de 2026
HORARIO:
19:00 a 20:30 horas
LUGAR:
Sede Afundación.
Rúa do Vilar, 19 , Santiago de Compostela.
PATROCINADORES:
Agradecemos o apoio e compromiso mostrado por cada unha das empresas que colaboran con este ciclo:
- GRUPO RODIÑAS
- FINSA
- TEJAS VEREA
- ALUMAN
- PAUDEPEDRA
