O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a súa Delegación de Santiago, organizan o ciclo de conferencias denominado “Territorios Análogos”. Este ciclo, que conta con especialistas en urbanismo e ordenación do territorio, permitirá coñecer diferentes experiencias levadas a cabo fóra de Galicia, e que poderían gardar certa analoxía coa nosa realidade territorial.
A vindeira conferencia terá lugar o martes 4 de febreiro, ás 19:00 horas, a cargo de Javier Burón, titulada A urxencia do tempo e a dificultade espacial nas políticas públicas de vivenda.
A crise da vivenda en España intensificouse de maneira relevante nos últimos anos. O aumento dos prezos de compra e alugueiro, a oferta insuficiente de vivendas asequibles e a escaseza notable de vivenda pública, entre outros factores, contribuíron a agravar considerablemente a situación da vivenda. Durante esta conferencia, Javier Burón, dende a súa ampla experiencia no sector, analizará o papel das políticas públicas de vivenda para minimizar esta problemática.
PONENTE
Na actualidade, Javier Burón é Director Xerente de Nasuvinsa (Navarra de Solo e Vivenda S.A.). Exerceu a responsabilidade de Xerente de Vivenda da cidade de Barcelona desde xuño de 2015 até xullo de 2023. Licenciado en Dereito pola Universidade de Deusto, na especialidade Xurídico-Económica, e Máster en Asesoría Fiscal neste mesmo centro académico.
Ademais de avogado especializado en dereito público (Cuatrecasas Gonçalves Pereira) e consultor en políticas e servizos públicos, Burón desempeñou o cargo de Viceconselleiro de Vivenda e Director de Planificación do Goberno Vasco, e realizou labores de asesoría xurídica e económica de grupos parlamentarios na Cámara vasca e no Congreso dos Deputados.
Foi tamén colaborador da Asociación Española de Vivenda Pública (AVS) en diferentes períodos, así como de GHS (asociación catalá de Profesionais da vivenda social), Housing Europe (Asociación Europea da Vivenda Social), ENHR (Rede Europea de Investigación de Vivenda) e Vicepresidente do Grupo de Traballo de Vivenda de Eurocities (rede de grandes cidades europeas).
INSCRICIÓN
Aínda que a conferencia é de libre acceso para calquera persoa interesada, é necesaria a inscrición previa para unha adecuada organización.
ACCESO AO FORMULARIO DE INSCRICIÓN
DATA:
Martes 04 de febreiro de 2025
HORARIO:
19:00 a 20:30 horas
LUGAR:
Salón de actos do Museo das Peregrinacións e de Santiago
Praza das Praterías, 2. Santiago de Compostela