O pleno do Congreso dos Deputados aprobou no dia de onte cun apoio maioritario, o inicio da tramitación da Proposición de Lei sobre a pasarela ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) da Seguridade Social para os/as mutualistas que queiran acollerse a ela e solicitar, con iso, a transferencia de cotizacións e dereitos económicos ao RETA. A proposta saíu adiante con 311 votos a favor e 32 abstencións, sen ningún voto en contra. E de xeito xeneral, quedou de manifesto o consenso na necesidade de acabar con “unha situación inxusta e discriminatoria”, así como de tomar medidas para dignificar as pensións dos/as mutualistas.
Dende o COAG, en paralelo ao traballo realizado pola comision de previsión social e cada unha das delegación, tamén agradecemos o esforzo realizado por Anmmarq na defensa dos e das mutualistas.
Entendemos que é unha moi boa noticia que abre o camiño cara a Seguridade Social para aqueles mutualistas que desexen facelo ademais de significar un paso mais na dignificación da profesión. Cumpre ter en conta as circunstancias reais de toda unha xeración de arquitectos e arquitectas que logo de cotizar toda a súa vida profesional, podían correr o risco de recibir unha pensión moi baixa, polo que de xeito activo seguiremos a defender unha solución que tamén recolla a complexa situación dos e das mutualistas pasivos.
Seguimos asi na liña que o COAG defendeu sempre dunha pasarela universal, voluntaria e xusta que evitase situacións discriminatorias.
Tamen este foi o núcleo da Declaración Institucional aprobada na Asemblea Xeral Ordinaria do 29 de novembro de 2024 do CSCAE. De feito, a partir de agora, o CSCAE fará un seguimento da tramitación parlamentaria, trasladando a todos os grupos as propostas fundamentais para que este proceso conclúa na aprobación dunha lei equilibrada e xusta.
Cumpre lembrar que as claves da Proposición de Lei parten de tres eixos fundamentais:
- Fin da alternatividade. Implica que, a partir do 1 de xaneiro de 2027, todos/as os/as profesionais que inicien a súa actividade por conta propia deberán darse de alta, con carácter obrigatorio, no sistema público de Seguridade Social.
- Unha futura mellora das condicións dos/as mutualistas actuais, tanto no que se refire á cota mínima a ingresar como á porcentaxe mínima de prestacións, que non poderán estar por baixo do 80% da pensión mínima do sistema público.
- A creación dunha pasarela voluntaria ao RETA para que quen así o desexen poidan trasladar os seus dereitos acumulados ao sistema público.
Como indicamos, este ultimo punto deixa no aire interrogantes como a situación dos pasivos, sobre a que o CSCAE seguirá insistindo, ademais de que se coñeza o regulamento que desenvolva a norma de forma previa para garantir a necesaria seguridade xurídica.