FALLO DO XURADO DOS PREMIOS GRAN DE AREA 2024
Os premios “Gran de Area de aportación a Arquitectura” son unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia nas provincias de Pontevedra e Ourense, para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores necesarios, nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Conforme á convocatoria realizada na circular 13/2024, un total de 75 propostas foron presentadas á edición 2024 dos Premios Gran de Area. O xurado da presente edición emitiu o seu fallo polo cal destaca 12 das candidaturas presentadas.
Transcríbese de seguido a acta do xurado:
En Ourense, sendo as 10:45 horas do venres 15 de novembro de 2024, reúnese o Xurado dos Premios Gran de Area 2024. De acordo co previsto nas Bases dos Premios, o Xurado está integrado polas seguintes persoas:
- Dona Enma Noriega García, en calidade de Presidenta da Delegación en Ourense do COAG.
- Anselmo Villanueva Peón, en calidade de Presidente da Delegación en Pontevedra do COAG.
- Dona Sonia Alvarado Peitieiros Tesoureira da Delegación de Vigo do COAG, que actúa como membro Xurado, en substitución de Manuel Martínez Carazo Presidente da Delegación de Vigo do COAG.
- Roberto González Fernández, colexiado da Delegación de Ourense seleccionado pola Xunta Directiva de Ourense.
- Dona María Celsa Pesqueira Sánchez, colexiada da Delegación de Pontevedra seleccionada pola Xunta Directiva de Pontevedra.
- Dona Loreto Chamorro Nieto, colexiada da Delegación de Vigo seleccionada pola Xunta Directiva de Vigo.
- Santiago Pintos Pena, colexiado seleccionado entre os premiados nos Premios “Gran de Area” da edición anterior, consensuado polas tres Delegacións.
- Dona Ana Pena Roces, en calidade de Secretaria da Delegación en Vigo do COAG, que actúa como secretaria do Xurado, con voz pero sen voto.
O Xurado desexa manifestar, tras unha primeira revisión de todas as candidaturas presentadas nesta edición, a súa satisfacción ao corroborar a notable cantidade de obras que concorreron aos premios GDA 2024, un total de 75. Este número non só é un reflexo do interese e a participación no ámbito arquitectónico, senón tamén un testemuño da dedicación e o esforzo que cada un dos participantes investiu nos seus traballos. A calidade das obras presentadas foi excepcional, o que nos leva a recoñecer que, independentemente dos resultados finais, cada proxecto é un claro indicio do bo facer e do talento que caracteriza aos nosos e as nosas arquitectas. Así mesmo, é importante destacar a colaboración fundamental de todos os axentes involucrados no proceso de creación e construción destas obras, incluíndo arquitectos técnicos, promotores, enxeñeiros, construtores, e mesmo artesáns da madeira e do metal, entre outros.
En resumo, o xurado sentiuse honrado de poder apreciar unha diversidade tan rica e de alta calidade nas propostas recibidas, as cales reflicten un compromiso inquebrantable coa excelencia no campo da arquitectura e a construción.
Logo da revisión e deliberación, de algo máis de 5 horas, o xurado decide finalmente a selección de 12 das 75 obras ou proxectos, e que resultaron ser as seguintes:
1. REHABILITACIÓN FONDO DA VILA.
Rúa FONDO DE VILA 32 32740, PARADA DE SIL, OURENSE
PABLO LÓPEZ PROL
O eixo deste proxecto é restaurar unhas antigas construcións tradicionais para crear unhas novas vivendas que respecten os elementos etnográficos, mediante un corredor común e coa implementación de hortos comunitarios, se revitaliza a poboación de Parada de Sil preservando a súa rica herdanza cultural. O xurado valora especialmente os espazos do proxecto que fomentan a interacción e convivencia. Este enfoque non só beneficia aos actuais residentes, senón que tamén pode atraer a novos habitantes, asegurando así o futuro sostible da contorna rural.
2. REHABILITACIÓN EDIFICIO DE VIVENDA COLECTIVA (8 VIVENDAS).
García Olloqui 3 36201, VIGO, PONTEVEDRA
PABLO MENÉNDEZ PAZ
Se premia esta rehabilitación pola rompedora solución de ampliación de fachada que estando perfectamente integrada coa do edificio preexistente, xera un diálogo coherente e respectuoso entre o novo e o ben catalogado. A nova fachada constitúe unha reinterpretación do sistema porticado, utilizando o granito enxalzando a súa materialidade con pezas de grandes dimensións, dando profundidade aos pórticos e, deixando o cerramento e os ocos nunha posición recuada.
3. CATRO CABANAS.
Polígono 49 Parcela 304 COCHO, MARÍN, PONTEVEDRA
ALFONSO PENELA FERNANDEZ
O xurado premia esta simbiose perfecta entre arquitectura e natureza, que conta cunha solución construtiva e estrutural que se se fusiona co arborado existente na parcela creando unha fluída relación entre os espazos interiores e exteriores das cabanas, fomentando unha nova forma de desfrutar dun turismo mais ecolóxico.
4. REHABILITACIÓN E AMPLIACIÓN DE VIVENDA UNIFAMILIAR TRADICIONAL.
LUGAR CASAL DO MENDO-CAMPAÑO 9 36157, PONTEVEDRA
GABRIEL ALARCÓN SABARÍS
Interesante ampliación dunha vivenda en ruínas, na que o xurado destaca o seu enfoque arquitectónico singular. Nesta obra o fío condutor entre a vivenda tradicional e o volume novo é a cuberta de formigón que cose ambas e que confírelle ao conxunto riqueza xeométrica e espacial, resolvendo tamén as necesidades funcionais dunha vivenda actual baixo a premisa da sostibilidade económica.
5. REHABILITACIÓN DE PL. B E 1º EN EDIFICIO PARA VIVENDA.
RUA HERNAN CORTES 49(B) 00-01 32005, OURENSE
PABLO FALCON NOVOA
O xurado destaca a sobresaliente intervención realizada para transformar un conxunto de elementos inconexos e fragmentados situados no núcleo histórico de Ourense nunha vivenda contemporánea dotada dunha unidade e carácter distintivos. Sublíñase especialmente a recuperación do patio e o acceso que conta con acabados contemporáneos pero harmonioso coas edificacións do centro histórico. Este tipo de proxectos son vitais para a revitalización dos nosos centros históricos e son un precedente na forma de abordar futuras intervencións arquitectónicas.
6. STAND COPLANT.
Itinerante
JORGE ENRÍQUEZ MÉNDEZ | ADRIÁN PINAQUE ALVITE
O proxecto seleccionado de stand para exposición de plantas demostra a versatilidade e relevancia da profesión de arquitecto en ámbitos distintos á edificación e urbanismo. Este proxecto une sinxeleza, creatividade, funcionalidade e sustentabilidade. Os arquitectos premiados conseguen converter os espazos temporais de exposición de plantas en contornas atractivas mediante elementos sinxelos, enriquecendo así a experiencia dos visitantes.
7. REHABILITACIÓN DE VIVENDA UNIFAMILIAR.
LUGAR FONTEIRIÑAS-COUSO 3 36389, GONDOMAR, PONTEVEDRA
RAMON VIEITEZ RODRIGUEZ | ALBERTO CEBRAL LOUREDA | ESTUDIO DE ARQUITECTURA ARQUETIPOS SCP | BRAIS BARREIRO CARREIRAA adaptación dunha vivenda tradicional para convertela nun fogar actual con baixo impacto ambiental é un proceso que require unha profunda reflexión sobre o uso de recursos e a relación coa contorna natural. A través da inclusión de elementos coma o acceso a través dun invernadoiro de vidro, a pérgola vexetal ou o estanque exterior, é posible non só revitalizar a edificación, senón tamén fomentar un estilo de vida máis consciente e en harmonía coa natureza. Esta rehabilitación non é só un proxecto arquitectónico; é unha declaración de compromiso cara a un futuro máis sostible.
8. VIVENDA UNIFAMILIAR EN VALADARES
Polígono 205 Parcela 133 VOLTA DO GROÑO, VIGO, PONTEVEDRA
FAUSTINO PATIÑO CAMBEIRO | JUAN IGNACIO PRIETO LOPEZ | PRIETO PATIÑO ARQUITECTURA, S.L.P
O xurado valora esta vivenda que destaca polos seus elegantes e sobrios volumes e pola súa construción mediante paneis prefabricados de madeira contralaminada e madeira cemento, nesta obra as modulacións do sistema estrutural axudan á configuración da vivenda e forman parte intrínseca dos espazos interiores creados.
9. ACONDICIONAMENTO PARCIAL DE PLANTA BAIXA PARA OFICINAS DE PRODUCTORA MUSICAL.
AVENIDA VIGO (DE) 3 36820, PONTE-CALDELAS, PONTEVEDRA
LUCIANO GONZÁLEZ DOMÍNGUEZ | MIGUEL ESTÉVEZ GÓMEZ
Premiase esta obra pola valente proposta de microcirurxía e posta en valor de preexistencias para albergar unha produtora musical alternativa. Reutilízase un antigo negocio familiar hostaleiro, conseguindo así unha imaxe de marca na que a circularidade e o mantemento das pegadas do pasado xogan un importante papel.
10. VIVENDA UNIFAMILIAR ILLADA.
AVENIDA CASTELAO 0 36340, NIGRÁN, PONTEVEDRA
ALFREDO SIRVENT SILVEIRA
O xurado premia este proxecto dunha vivenda unifamiliar que xorde dunha dificultade urbanística. O muro curvo que xera a traza da aliñación axuda a configurar unha vivenda cuns espazos interiores dotados de amplitude, de grandes voos a modo de soportais en planta baixa, e ocos no andar superior que permiten percibir as vistas sen renunciar á intimidade.
11. MELLORA E ACONDICIONAMENTO DO “Carreiro do Rollo”.
Rúas Victoriano Pérez Vidal e Rúa Rollo. Salceda de Caselas, Pontevedra
CARLOS ALVAREZ AVILA | MUN ARQUITECTURA, DESEÑO E URBANISMO, SLP
O eixo de este proxecto de urbanización se centra en por en valor a estrutura do viario existente cos peches tradicionais das leiras lindeiras. O xurado valora o uso dos materiais, a iluminación e o pequeno xesto de colocar un banco ao redor dunha arbore que xera un novo espazo de convivencia peonil.
12. ÁREA DE RECEPCIÓN DE VISITANTES DEL BIC “MUÍÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN”.
O ROSAL, PONTEVEDRA
MAURO LOMBA MARTINEZ
Neste conxunto prima a sobriedade para que a paisaxe sexa protagonista, os seus volumes de formigón camúflanse na contorna coma se fosen novos elementos pétreos. O xurado valora especialmente nesta obra o volume de aseos no que o fluxo da auga é o protagonista.
Logo de un receso de 15.00 a 16.00 da tarde remata a reunión levantándose a sesión ás 17.30
Ana Pena Roces
Secretaria COAG VIGO