Día Mundial da Arquitectura – Praza da Feira – A Estrada

2 Out 2023

A Delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrará o DÍA MUNDIAL DA ARQUITECTURA hoxe 2 de outubro, ás 17:30h, na Praza da Feira da Estrada, proxecto de rvr arquitectos, en colaboración co Concello da Estrada.

Durante o acto a celebrar ese día, realizaremos unha visita guiada pola Praza da Feira, Rúa Ulla e a súa contorna, asistiremos a unha conferencia impartida por rvr arquitectos, autores do proxecto, faremos a lectura dun Manifesto, intervirán as autoridades e descubriremos unha placa conmemorativa. Finalizaremos a xornada cuns petiscos.

Ao acto asistirán representantes colexiais, autoridades, colexiados, colexiadas e todas aquelas persoas interesadas en coñecer a obra de Humanización da Praza da Feira, rúa Ulla e da súa contorna, intervención exemplar e respectuosa co medio ambiente, que conseguiu rehabilitar unha área anteriormente degradada ao actuar como un activo catalizador social.

A feira como espazo de relación, interacción económica e social, de tradicións, de arquitectura e de ordenación do territorio, é o núcleo desta reforma que recupera o espazo público para a cidadanía, enlazando os principais polos da vila nun ámbito urbano de uso preferente para o peón, xerando espazos de relación social nunha contorna urbana máis humana e sostible dende o punto de vista ambiental.

En colaboración co Concello da Estrada disporase dun autobús, do que poderán facer uso todas as persoas interesadas en asistir á visita, que sairá ás 16:30h desde a Praza de Galicia en Pontevedra, tendo previsto o seu regreso ás 20:30h. A asistencia require inscrición previa, para o cal será preciso cubrir o formulario dispoñible no seguinte ENLACE, á maior brevidade posible, e en todo caso, antes das 12:00 horas do luns 2 de outubro. O número de prazas de autobús dispoñibles é limitado. En caso que haxa máis inscritos que prazas, estas asignaranse por orde de inscrición.

Compartir