A Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrará o Día Mundial da Arquitectura o vindeiro venres, 17 de outubro, cunha visita á Illa de Arousa para coñecer de preto as obras do arquitecto Manuel Gallego Jorreto situadas na vila. A visita contará coa participación de Pablo Gallego e coa colaboración do Concello da Illa de Arousa.
As obras que se visitarán son exemplos significativos da arquitectura pública galega contemporánea, nas que Manuel Gallego Jorreto combina a tradición construtiva local coa modernidade e o respecto polo lugar:
- Casa do Concello: edificio de liñas sobrias e volumes pétreos que dialoga coa contorna urbana e marítima, interpretando a arquitectura institucional desde unha escala humana.
- Auditorio Municipal: proxectado como centro social e cultural integrado no conxunto urbano, combina diferentes usos nun único edificio que se relaciona coa Casa do Concello e co espazo público, ofrecendo unha arquitectura funcional e coherente coa identidade da illa.
- Centro de Interpretación da Conserva: situado no que foi, no seu día, a primeira fábrica industrializada de conservas de Galicia —a Conserveira Goday—, o espazo recupera a memoria industrial da illa e pon en valor a tradición conserveira mediante unha rehabilitación sensible e respectuosa.
- Rehabilitación das casas modernistas: reconvertidas para usos socioculturais, esta intervención exemplifica o coidado pola conservación do patrimonio construído, adaptándoo a novos usos sen perder a súa identidade orixinal.
Programa da xornada:
17:00 h Apertura
17:05 h Lectura do manifesto
17:15 h Intervención das autoridades
17:30 h Visita guiada ás obras
Punto de encontro: diante da Casa do Concello da Illa de Arousa.
Disporase dun autobús para todas as persoas interesadas, con saída ás 16:00 h dende a Capela de San Roque (Pontevedra), e regreso previsto ás 20:30 h.
A actividade é aberta ao público. Para unha mellor organización, prégase confirmar asistencia e reservar praza no autobús antes das 14:00 h do xoves 16, a través da seguinte LIGAZON.
A Xunta Directiva da Delegación en Pontevedra do COAG
