Os días 8, 9 e 10 de maio levaranse a cabo diferentes e diversas actividades relacionadas coa Arquitetura, a Arte e a Aldea ( “O festival triple A”).
Queremos convidarvos especialmente á participación no acto de presentación que terá lugar o día 8 de maio, ás 10:00 da mañá en Casa Meyre, Santa Eulalia de Vedra.
Precisamos CONFIRMACIÓN DE ASISTENCIA no teléfono 653.280.085
O marco en Galicia é un límite que separa; unha pedra, unha peza de formigón, unha estaca; que sinala o “meu” e o “teu”.
O Festival M.A.R.C.O. nace para difuminar esa liña e facer o contrario: converter o límite nun punto de encontro M.A.R.C.O. – Mostra de Arquitectura Rural é un festival cultural galego pioneiro, centrado na Arquitectura Rural como fenómeno e como ferramenta cultural, social, económica, identitaria e territorial.
Celebrado en San Pedro de Sarandón, unha parroquia pequena do concello de Vedra, M.A.R.C.O. nace coa vontade de converter o rural nun espazo de reflexión contemporánea, creación artística e participación cidadá a través da arquitectura entendida non só como construción, senón como marco da vida, e como ferramenta de transformación, identidade e futuro.
M.A.R.C.O. non é un encontro exclusivamente profesional nin un evento cultural convencional: é unha plataforma aberta onde conviven veciñanza, público xeral, público cultural, profesionais da arquitectura, estudantes, artistas e axentes de desenvolvemento territorial.
Tras unha primeira edición piloto en 2025, M.A.R.C.O. 2026 constitúe a súa segunda edición, cunha estrutura consolidada e unha clara vocación anual, aspirando a converterse nun referente cultural, arquitectónico e artísitico en Galicia.
MÁIS INFORMACIÓN EN https://festivalmarco.org/
