Presentación do libro “seventy days on the road” na delegación de Lugo o 14 de xaneiro

7 Xan 2026

14 de xaneiro de 2026, ás 20:00 horas, celébrase na Delegación do COAG unha xornada de presentación do libro seventy days on the road, un proxecto que nace da necesidade de explorar o mundo desde múltiples miradas: a do ser humano, a do fotógrafo, a do arquitecto, a do condutor e a do entusiasta dos automóbiles clásicos.

O traballo inspírase tanto no Grand Tour tradicional como nas viaxes de procura de inspiración realizadas por Edward e Josephine Hopper (1941 e 1952-1953), así como nas rutas do arquitecto español Ramón Vázquez Molezún, que nos anos cincuenta percorreu boa parte de Europa coa súa Lambretta para coñecer de primeira man as obras mestras da arquitectura que estudara na escola.

seventy days on the road é o primeiro dunha serie de road trips que exploran o mundo desde o punto de vista dun fotógrafo de arquitectura, onde o destino final —os edificios, os lugares, a arquitectura— non é o único obxectivo. O propio traxecto, a maneira de chegar, convértese nun elemento central de inspiración, e as vistas enmarcadas desde o posto de condución adquiren tanta relevancia como o lugar ao que se chega.

Este ensaio fotográfico recolle unha viaxe en solitario de setenta días, 11.000 km e 11 países europeos, realizada ao volante dun Fiat Panda de 1990. O libro reúne máis de 400 fotografías, seleccionadas entre máis de 4.000, centradas principalmente en obras clave da arquitectura do último século, pero tamén nas estradas, paisaxes e escenas cotiás atopadas ao longo do camiño.

O autor, Alberto Rodríguez Arias, é doutor arquitecto, investigador e fotógrafo de arquitectura. Traballou como arquitecto en Eslovenia, España e Suecia, país no que reside actualmente, combinando o exercicio profesional coa documentación de arquitectura, fundamentalmente en Europa. No seu tempo libre dedícase á conservación e restauración de vehículos antigos, cos que realiza longas viaxes para explorar e fotografar arquitectura. É tamén autor de numerosos artigos sobre arte e automóbil.

A actividade está aberta ao público en xeral e, por motivos de organización,  é necesaria a inscrición previa, no seguinte enlace: https://form.jotform.com/260063012793046

Ao remate da presentación ofreceranse un petiscos para favorecer unha charla distendida co autor

Compartir