Informamos que o Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou o luns, 25 de agosto de 2025, a aprobación inicial da Ordenanza Municipal de Conservación e Rehabilitación de Inmobles do Concello de Lugo. Con esta publicación, ábrese un prazo de trinta días hábiles para a presentación de reclamacións e suxestións. Poden consultar o documento completo na seguinte ligazón:
https://deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/25-08-2025.pdf#page=6
Esta nova ordenanza, aprobada inicialmente polo Pleno o pasado 31 de xullo, representa unha revisión integral que unifica e actualiza dúas normativas previas (de 2009 e 2013), adaptando o marco legal ás leis urbanísticas estatal e galega vixentes. O obxectivo principal é mellorar a eficacia na actuación sobre inmobles en risco de ruína ou abandono, así como reforzar a seguridade xurídica. Isto permitirá desbloquear actuacións urbanísticas e optimizar a capacidade de intervención #ante a deterioración de edificios.
Dada a relevancia desta ordenanza para a nosa profesión, a Delegación en Lugo do COAG abre a posibilidade de elaborar un documento de alegacións conxunto, coas achegas de todos e todas as colexiadas. Para iso, convidámoslles a enviar as súas suxestións a través do seguinte FORMULARIO.
Así mesmo, a Xunta Directiva convocará unha reunión na delegación para matizar as cuestións pertinentes e pechar o documento de alegacións. Poderán inscribirse para esta reunión, cuxa data se acordará contactando coas persoas interesadas a través de email entre o 22 e o 25 de setembro, a través do formulario indicado anteriormente.
O prazo para enviar achegas e para inscribirse na reunión finaliza o xoves 18 de setembro ás 23:59 horas.
