Exposición “Pizarra” na Delegación de Lugo do COAG ata o 27 de novembro

12 Nov 2025

O Clúster da Pizarra de Galicia, en colaboración co Colexio de Arquitectos de Lugo e a Xunta de Galicia, inauguraron hoxe na súa sede a exposición “Pizarra”, comisariada polo arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Carlos Quintáns.

“O noso obxectivo é achegar os espazos e o proceso de produción da lousa á xente”, explicou Quintáns, “e con esta colección queremos espertar curiosidade para que o público se anime a coñecer este material”.

A mostra está composta por 22 fotografías en gran formato que amosan a lousa en diferentes momentos do ano: con neve, con auga, co arrastre de terras e mesmo coa presenza da maquinaria. Deste xeito, segundo explicou o comisario, “dáse a coñecer un proceso vivo mediante paisaxes de lousa que van mudando segundo o tipo e o lugar de extracción”.

Para este arquitecto, nas canteiras de lousa “hai zonas máis interesantes ca moitas accións de arte contemporánea”. De feito, no catálogo da exposición recóllense representacións en óleo dos séculos XVIII e XIX, co propósito de “preguntarnos se podemos mirar a lousa cos ollos da arte”.

“Quixemos expor en Lugo porque é unha zona de lousa e porque é moi importante reflexionar sobre ela desde o lugar no que se extrae”, indicou Quintáns. Así, despois de pasar por Vigo, Ourense e Coímbra (Portugal), a exposición chega agora ao auditorio e sala de exposicións do Colexio de Arquitectos de Lugo.

A entrada é libre e de balde, e a mostra poderá visitarse ata o vindeiro 27 de novembro, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Compartir