O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) informa que o Tribunal Supremo, na súa sentenza 1132/2024 do 26 de xuño de 2024, declarou que a emisión de informes relacionados coa intervención na edificación, expedientes en ruína, control da legalidade urbanística e patrimonio, teña que ser realizada por arquitectos. Así, o COAG amosa a súa satisfacción coa declaración do alto tribunal que está en liña cos valores do colectivo de “defensa do desempeño profesional dos arquitectos”.
A sentenza contén uns pronunciamentos transcendentes e clarifica as competencias profesionais na emisión de informes no ámbito do control da legalidade urbanística, patrimonio e outros aspectos, en funcións de asesoramento en materia urbanística. En definitiva, séntase unha doutrina moi precisa e concluínte en canto aos profesionais competentes nesta materia, a reserva de actividade que existe en favor dos arquitectos e as funcións que exceden das atribucións de arquitectos técnicos.
Como antecedentes, esta sentenza tivo en conta unha licitación do Concello de Rábade (Lugo) para a adxudicación do servizo de asistencia técnico-urbanística, na que se establecía a titulación de Arquitecto para realizar as funcións. O Consello Galego de Colexios de Arquitectos Técnicos e Aparelladores interpuxo un recurso, onde o COAG compareceu no procedemento como interesado. O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo estimou este recurso, pero o Concello de Rábade e o COAG apelaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e as súas alegacións foron estimadas, aínda que o Consello Galego de Colexios de Arquitectos Técnicos e Aparelladores recorreu a sentenza cun recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que finalmente desestimou confirmando a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 17 de xaneiro de 2022.
A sentenza do Tribunal Supremo sinala que a seguridade das persoas e das edificacións son razóns de interese xeral que xustifican a reserva aos arquitectos superiores destas funcións de asesoramento e consultoría, funcións que “exceden das competencias e facultades dos Arquitectos Técnicos, conforme ao disposto na Lei 12/1986, de 1 de abril, sobre regulación das atribucións profesionais dos Arquitectos e Enxeñeiros técnicos, en razón do ámbito da súa respectiva especialidade técnica”.