Dentro do plan de mellora do servizo de visado, enmárcase o proxecto de normalización, no que unha das liñas de traballo principais é o “labor de documentación” que ten como obxecto recoller toda a información necesaria para levar a bo termo cada un dos trámites relacionados co proceso de visado no Colexio de Arquitectos de Galicia.
Con ese obxecto elabórase a “Guía de redacción de documentación técnica de traballos profesionais” para facilitar a súa consulta previa ou independente á presentación da documentación no Colexio.
En función dos principais traballos profesionais dos arquitectos, a guía de redacción estrutúrase en tres grandes grupos:
I. Traballos profesionais de edificación
Agrúpase baixo este epígrafe a documentación correspondente aos principais traballos profesionais que poden desempeñar os arquitectos relacionados co proceso edificatorio, ao longo de todas as súas fases e en función das diferentes circunstancias e características.
II. Traballos profesionais de urbanismo
Esta categoría agrupa a información correspondente aos traballos profesionais relacionados coa elaboración de instrumentos de plan urbanístico e a súa execución.
III. Outros traballos profesionais
O resto dos traballos profesionais que non se enmarcan nun proceso edificatorio ou urbanístico agrúpanse baixo este título.
Cada un destes grupos está formado por un conxunto de fichas que conteñen a información necesaria para a redacción e tramitación de cada un dos diferentes tipos de documentos técnicos que o arquitecto debe de elaborar en función do traballo profesional que estea a desenvolver e da fase do proceso na que se encontre.
Coa clasificación e organización destas fichas preténdese guiar, dunha forma sinxela e intuitiva, na toma de decisións necesaria para a redacción da documentación, dende o inicio ata o final do proceso.