Os días 12 e 13 de decembro están programadas dúas xornadas relacionadas coa rehabilitación de estruturas de madeira, organizadas no marco do acordo de colaboración suscrito polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) para promover o coñecemento en materia de construción e rehabilitación con madeira e a divulgación de obras exemplares. Estas xornadas teñen un carácter introdutorio a outras actividades formativas que dende o COAG se están a programar para o ano 2025.
Así, o xoves 12 de decembro, de 16:30 a 20:30, terá lugar unha xornada en liña sobre os fundamentos principais para a rehabilitación de estruturas de madeira, impartida por Manuel C. Touza Vázquez, Dr. Enxeñeiro de Montes e técnico en CIS-Madeira. O programa para esta xornada será o seguinte:
- Diagnose de patoloxías e opcións de tratamentos en estruturas de madeira.
- Historia construtiva das especies máis empregadas en Galicia.
- Técnicas existentes e exemplos de intervención.
O venres 13 de decembro, de 10:30 a 14:00, está programada unha visita ao Museo Massó en Bueu, cuxa ampliación estase a levar a cabo polo estudo de arquitectura RVR (Alberto Redondo, José Valladares e Marcial Rodríguez). Durante a visita, explicarase in situ a intervención de conservación realizada, centrada fundamentalmente nas cubertas do edificio. O aforo para esta actividade é especialmente limitado e é imprescindible levar casco. Pode consultarse o programa detallado para a mesma na seguinte [+ligazón].
Ambas as actividades son gratuítas, mais por cuestións de aforo é imprescindible a inscrición para cada unha das actividades, que se realizará a través das seguintes ligazóns:
- Xornada en liña, de Introdución á rehabilitación de estruturas de madeira.
- Visita presencial ao Museo Massó, Bueu. É imprescindible levar casco. Aforo especialmente limitado.
NOTA: A grabación da primeria xornada de Introdución á rehabilitación de estruturas de madeira, celebrada o xoves 12 de decembro, xa se atopa dispoñible na Páxina de gravacións para colexiados (Panel de servizos – Formación- Gravacións de xornadas de asesoramento).