Vimos de pechar a preinscrición para os cursos de aplicacións BIM e GIS deste ano 2025, que está dispoñible desde hai unhas semanas. Queremos, en primeiro lugar, agradecer a vosa participación nesta iniciativa, xa que coñecer o voso interese e preferencias permítenos aliñar na maior medida posible a oferta formativa coas vosas necesidades e axustar os prezos de matrícula.
Ademais dos cursos propostos nesta preinscrición, a oferta formativa correspondente á liña temática de TIC e metodoloxía para o ano 2025 complementarase con outras actividades e xornadas de diversas temáticas relacionadas (en particular, IA, eficiencia enerxética, deseño paramétrico, etc.).
En canto ao resultado, comunicámosvos que rexistramos un total de 419 preinscricións realizadas por 186 colexiados diferentes, e que todos os cursos propostos teñen unha previsión de demanda suficiente para realizarse. Así, nas vindeiras semanas abriremos as inscricións nunha secuencia.
- Ao longo desta semana, abriremos a inscrición para os cursos de QGIS nivel iniciacióne CypeMEP, que comezarán na segunda quincena de marzo.
- Nas vindeiras semanas estará dispoñible a matrícula para os cursos de Revit e Archicad, nivel Iniciación, e posteriormente, Revit e Archicad intermedio, e Revit familias, que comezarán, a título orientativo, na segunda quincena de abril.
Agardamos que estes cursos vos resulten de utilidade.